DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor do Programa de Maiores Esteban López Figueroa é o encargado da recensión

reseñas23 repasa, da man de Bill Bryson, a orixe das pequenas cousas que hai nunha casa

Esta iniciativa propón, para decembro e xaneiro, a lectura de 'Unha breve historia da vida privada'

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
M. Del Río DUVI 13/12/2021

A historia da humanidade está composta non só de grandes feitos, fazañas ou descubrimentos, senón polas pequenas cousas cotiás que dan forma á vida diaria das persoa en cada época. Precisamente nesa historia das pequenas cousas decidiu centrarse o escritor estadounidense Bill Bryson no seu libro Na casa: unha breve historia da vida privada. Esta obra é na que se centra o número 23 de reseñas, o programa de fomento da lectura impulsado dende a biblioteca de Torrecedeira. O profesor do Programa para Maiores Esteban López Figueroa é o encargado de facer a recensión deste libro, que constitúe a proposta de lectura para os meses de decembro e xaneiro.

Bryson, que exerceu tanto a docencia como o xornalismo ao longo da súa carreira, publicou en 2003 Unha breve historia de case todo, un libro de divulgación científica que acadou un enorme éxito en todo o mundo. Con Na casa: unha breve historia da vida privada cambia o foco para centrarse en repasar, ao longo dos séculos, como se foi desenvolvendo a vida cotiá da xente, analizando, como explica López Figueroa, “cuestións tidas por menores ata o momento: o cotián, o íntimo, os afectos, a sexualidade, os avances materiais que simplifican e fan mais pracenteira a vida”. 

Para facelo emprega como fío condutor as estancias dunha vivenda, en concreto unha casa parroquial do século XIX en Nordfolk, Inglaterra, á que o escritor se mudou. Así, percorrendo as diferentes estancias reflexiona sobre a orixe de obxectos cotiás, pero tras esta análise hai unha fonda investigación sobre, por exemplo, a arquitectura, a electricidade, a conservación dos alimentos ou as epidemias, pasando pola invención dos retretes ou das camas ou polo estudo de diferentes modas que se deron ao longo dos séculos. A través dun percorrido doméstico Bryson é quen de propoñer unha peculiar lección de historia.

Unha produción eléctrica

No texto que o profesor Esteban López Figueroa preparou para acompañar esta recomendación literaria para os meses de decembro e xaneiro, explica que se trata dunha obra “que é sen lugar a dúbida un raro e delicioso espécime. Como todos os do seu autor, de entrada é de clasificación dubidosa: historia, divulgación da ciencia, antropoloxía, socioloxía ou historia da ciencia…?. Un pouco de todo, un conxunto de textos transversais que repiten o enfoque da súa anterior obra: Unha breve historia de case todo, un éxito irresistible pola súa sinxeleza e accesibilidade para calquera tipo de lectores”.

O docente destaca que “Bryson produciu unha numerosa obra que reflicte o eclecticismo de temas da súa propia biografía: unha nacionalidade difusa, unha formación académica leve, dedicacións profesionais dispares, unha saúde precaria en ocasións, un viaxeiro empedernido, etc.”

Segundo López Figueroa, “estamos ante un personaxe hiperactivo, característica que se reflicte na súa produción literaria, variada e inclasificable en gran medida”. Así, recalca, as súas obras tratan de “viaxes, socioloxía, lingüística, ciencia, historia da ciencia e outras temáticas pero ningunha delas pódese adscribir dunha maneira clara no sentido ao uso a temática específica algunha. En todas elas manexa a linguaxe con mestría, sempre buscando a simplificación móstrase cómico, ás veces sarcástico e sempre ameno como unha boa novela de suspense”.