DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da obra 'Queimar libros', do director da Bodley Library, Richard Ovenden 

Reseñas.25 reflexiona sobre a destrución e conservación do coñecemento

A bibliotecaria Lorena Gómez é a autora da recensión correspondente a abril e maio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 02/05/2022

Richard Ovenden, director da Bodleian Library de Oxford somerxe ao lector na súa obra Queimar libros. Unha historia da destrución deliberada do coñecemento, nunha viaxe de 3000 anos a través da aniquilación do coñecemento e a loita por preservalo. Dende o que realmente sucedeu na biblioteca de Alexandría, ata os papeis da xeración Windrush, e dende o borrado de tweets realizado por Donald Trump, ata John Murray queimando, en nome da censura, as memorias de Lord Byron, a obra de Ovenden incide nos constantes ataques dos que ao longo da historia, e mesmo intensificados na Idade Moderna, son obxecto as bibliotecas, cuxo traballo reivindica, como garantes do benestar e da diversidade do coñecemento e das ideas.

A obra de Ovenden é a protagonista de reseñas.25 e o obxecto da recensión da bibliotecaria da Universidade de Santiago de Compostela Lorena Gómez, un libro “pertinente nestes días convulsos”, reflexiona Aser Ángel Fernández Rey, técnico especialista da biblioteca de Torrecedeira, que sinala que “coas guerras a Humanidade sofre. Toda a Humanidade sofre. As persoas, en especial as mulleres e a infancia, a sociedade e a cultura (material e inmaterial) e o coñecemento”. Para Aser Ángel Fernández, desde a mítica destrución da biblioteca de Alexandría, pasando polas leccións de salvamento patrimonial da República ou o Convenio da Haia, “temos a tarefa, como outras moitas persoas fixeron no pasado, de preservar e transmitir o coñecemento ás xeracións vindeiras”.

Agosto de 1992…

Lorena Gómez arranca a súa recensión o 25 de agosto de 1992, unha data na que, mentres España celebraba as Olimpíadas de Barcelona, Aida Butrovic morría tras ser alcanzada por un disparo dun francotirador serbio, cando trataba de salvar libros da biblioteca de Saraievo na que traballaba. Símbolo dunha arraiga cultura do libro, a biblioteca nacional de Saraievo, era “un obxectivo militar coa perversa idea, máis común do que pensamos, de aniquilar unha cultura, de borrar pegadas, o rexistro da humanidade”, sinala Lorena Gómez, que enlaza a destrución desde espazo destinado á conservación do saber co incendio da biblioteca de Los Ángeles en 1986.

A autora da recensión destaca “a impresionante erudición” de Ovenden, así como “un grandísimo valor: o amor pola cultura escrita, a súa absoluta convicción de que a intención humana de preservar e conservar os resultados do coñecemento non se diluirán facilmente no futuro”. Na obra de Ovenden, que a bibliotecaria da USC, considera tamén unha reivindicación do oficio de bibliotecario como un activo importante contra a desinformación e as noticias falsas, abórdase especificamente as destrucións deliberadas do coñecemento, en forma de apropiación e recompilación de tablillas dos pobos veciños na biblioteca de Asurbanipal en Mesopotamia, ou na historia de “a brigada do papel” e do YIVO, que amosa a coidada planificación realizada pola Gestapo sobre o patrimonio librario xudeu, como tamén, da resistencia e o activismo dunha grande pléiade de profesionais das bibliotecas.

Lorena Gómez tamén chama a atención sobre os capítulos nos que o autor de Queimar libros aborda a destrución de violencia, exemplificada na figura de Philip Larkin, bibliotecario e poeta, que como creador deixou estipulada a queima de todos os seus borradores; a purga realizada nos diarios de Byron ou “a cuestionable tarefa de Ted Hughes ao editar os diarios da súa falecida esposa Sylvia Plath”. No final da súa obra, ademais de poñer o foco sobre os perigos dos monopolios dos xigantes de internet, Ovenden achega ideas que reivindican o traballo que realizan as bibliotecas na sociedade actual: apoio educativo ea garantes de benestar e da diversidade do coñecemento e ideas; “son esta áncora, ese punto de referencia fixo, que permiten xulgar verdades e mentiras con transparencia e actuar tamén como preservadoras da identidade cultural. Non parecen, en absoluto, nin malos agoiros nin pouco ambiciosos. Oxalá sexa así”, reflexiona Lorena Gómez.