DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Continúan na biblioteca de Torrecedeira as actividades de fomento da lectura

‘reseñas.4’ quere abrir o debate sobre o auxe do dixital en detrimento da conversa

Cun libro escrito pola psicóloga estadounidense Sherry Turkle

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
Ana Proupín DUVI 30/01/2019

reseñas, a actividade mensual de dinamización da lectura promovida pola biblioteca universitaria de Torrecedeira, propón para este mes a lectura de En defensa da conversación (Ático de los libros), unha obra escrita pola socióloga e psicóloga estadounidense Sherry Turkle e na que se reflexiona acerca da realidade que hai detrás da tecnoloxía dixital. 

A obra é un recordatorio sobre os perigos da era dixital e as consecuencias psicolóxicas e sociais da perda do intercambio verbal cara a cara. O estudo baséase en entrevistas a persoas de diferentes eidos da sociedade e na experiencia persoal da propia autora para dar a coñecer o medo á conversa que está a emerxer dado o uso descontrolado que se fai na actualidade das novas tecnoloxías. “Fala de actitudes e hábitos, de medos e carencias, de comodidade e permisividade na vida pública e privada, Turkle solicita a nosa atención porque estamos a esquecer como falar entre nós”, explica Aser Fernández Rey, técnico especialista da biblioteca e co-organizador de reseñas, quen tamén fai fincapé en que “a pretensión da autora non é que abandonemos a tecnoloxía móbil, senón que aprendamos para que serve e como utilizala”. 

Unha lectura ambientada

Como con cada edición de reseñas, o persoal da biblioteca organiza un espazo e  unha exposición inspirada no tema do libro, actividades que poden seguirse a través das súas redes Instagram e Twitter. O recuncho deste mes conta cunha mesa, un acuario con móbiles, un marco de fotos coa imaxe do filósofo Thoreau e tres cadeiras, algo que xurde porque Turkle comeza a súa publicación coa frase “na miña casa teño tres cadeiras: unha para a soidade, outra para a amizade e unha terceira para a sociedade”. A autora engade a esta reflexión unha cuarta cadeira que equivalería ás máquinas, non para falar a través delas, senón para conversar con elas, “estamos a falar da diferenza entre simulación e realidade, da gran ironía que supón tratar ás máquinas como xente e á xente como máquinas”, conclúe o técnico da biblioteca.

Ademais disto, a escolma multidisciplinar de libros A conversación e a era dixital da Biblioteca Universitaria  estivo dispoñible ata o pasado 25 de xaneiro, unha selección de libros que obtivo un grande éxito entre as e os usuarios da sala de lectura, chegando a ter que pedir máis volumes a outras bibliotecas da propia rede universitaria. 

Propostas de lectura ata Semana Santa

reseñas.4 continuará a mediados de febreiro cunha nova achega. Para a próxima edición o título escollido é Instrumental, as memorias do propio escritor, James Rhodes, que viron a luz no Reino Unido tras levantar o veto que pesaba sobre a obra, todo un tributo ao poder terapéutico da música e que aborda cuestións sobre como funciona a música clásica e o seu poder para cambiar as vidas. Co gallo do día da muller, en marzo proporase o volume Una interpretación feminista del capitalismo patrimonial, de Heather Boushey dentro do volume Debatiendo con Piketty. La agenda para la economía y la desigualdad. No mes de abril chegará ao recuncho de reseñas o libro La vida de las hormigas, no que Maurice Maeterlinck, premio Nobel de Literatura, observa o mundo destes insectos convencido de que garda misterios que, ao mesmo tempo, poden ser unha analoxía do comportamento das persoas.