DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes e egresados de diferente titulacións traballarán neste proceso na Cidade da Cultura

A residencia artística ComTecArt converterá a novela 'Arnoia, Arnoia', de Méndez Ferrín, nun videoxogo

Dende este sábado, daranse cita cada fin de semana ata o 3 de abril

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • TIC
  • Estudantes
DUVI 02/03/2022

A residencia artística ComTecArt botará a andar esta fin de semana na Cidade na Cultura. Nela un grupo de estudantes e persoas egresadas de diferentes perfís e titulacións da UVigo traballarán conxuntamente para converter a novela Arnoia, Arnoia, de Xosé Luis Méndez Ferrrín, nun videoxogo. Esta é unha das seis residencias artísticas que a Cidade da Cultura acollerá durante a primeira metade deste ano, e que foron presentadas este mércores no Gaiás por Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e por Ana Isabel Vázquez, directora xerente da Cidade da Cultura, xunto con representantes das entidades colaboradoras desta segunda edición das 'Residencias Artísticas do Gaiás' (REGA 22), entre elas, a Universidade de Vigo, en cuxo nome asistiu o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto. 

A estas seis primeiras residencias, explicou Anxo Lorenzo, uniranse outras catro na segunda metade do ano, completando así un programa que será “o xermolo dende o Gaiás de novas propostas de vangarda que abranguen múltiples disciplinas artísticas, desde a danza e as artes escénicas, ata a música, a literatura, as artes plásticas ou audiovisuais e multimedia”.

Abrir a porta aos videoxogos

O proxecto impulsado pola Universidade de Vigo, en colaboración coa Xunta de Galicia, ComTecArt, será pioneiro, xa que é a primeira vez que o mundo dos videoxogos forma parte do programa de Residencias Artísticas do Gaiás. As e os nove estudantes seleccionados para formar parte da iniciativa comezarán a traballar esta mesma fin de semana na Cidade da Cultura, e farano “de forma intensiva”, como avanzou no acto desta mañá a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Beatriz Legerén. Ata o 3 de abril, o grupo formado por estudantes e persoas tituladas no curso 2020-2021, daranse cita no Gaiás cada fin de semana para unir os seus coñecementos en diferentes eidos como arte, narrativa, deseño e tecnoloxía co obxectivo de converter nun videoxogo unha obra senlleira da cultura galega: Arnoia, Arnoia. A novela, publicada por Méndez Ferrín en 1985, narra a viaxe de Nmógadah, un dos Príncipes Segredos das terras de Arnoia, despois de que un pobo veciño invada a súa terra e se vexa forzado ao exilio. 

Traballo multidisciplinar

Divididos en equipos multidisciplinares, o alumnado estará coordinado por profesorado do grupo de innovación docente ComTecArt, que dá nome ao proxecto e que, dende hai cinco anos, leva a cabo nas aulas unha experiencia similar, con alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

A idea é, explica Legerén, “mesturar alumnos de distintas disciplinas” que, no marco da súa formación en diferentes graos, traballan conxuntamente no deseño do videoxogo, que en si mesmo é un produto multidisciplinar no eido da comunicación, xa que combina “a parte creativa e narrativa, coa parte da arte e tecnoloxía”. Nesta ocasión, participarán na residencia estudantes de Belas Artes, Enxeñaría Informática, Enxeñaría de Telecomunicación, Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual. Os equipos emularán os procesos de traballo na industria, englobando as diferentes fases da creación dun videoxogo, dende o concepto inicial e o deseño de personaxes, ás narrativas, mecánicas do xogo e a súa programación. “O obxectivo desta experiencia é que os que participen sexan conscientes de que cando se fai un videoxogo non só é necesario saber programar, senón que participan moitos profesionais de moitos ámbitos”, explica Legerén. 

A residencia artística comprenderá catro fins de semana de traballo presencial e un virtual. O transporte dos participantes ata a Cidade da Cultura corre a cargo da Universidade e o aloxamento e manutención están incluídas no desenvolvemento da residencia.