DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As solicitudes deberán presentarse antes do 4 de xullo

A residencia “As Burgas” oferta 194 prazas para o vindeiro curso

En habitacións individuais e dobres con cociña propia ou compartida

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 16/06/2008

A independencia de vivir fóra do fogar familiar combinada coa comodidade de ter todos os servizos e estar a un paso do campus son as principais bazas coas que a residencia da Universidade de Vigo As Burgas presenta a súa oferta de prazas, que ascende a un total de 194, para o vindeiro curso. Repartidas en 132 en apartamentos individuais con cociña, 56 con cociña compartida e 6 dobres, poderán ser solicitadas polos estudantes ata o 4 de xullo, entregando a documentación necesaria na Área de Servizos á Comunidade da Unidade Administrativa.
Os requisitos para poder optar a unha das prazas vacantes son ter o domicilio familiar fóra do termo municipal de Ourense e estar matriculado nalgún dos vixentes planos de estudo de primeiro ou segundo ciclo, posgrao oficial ou programa de doutoramento para o curso 2008/2009. Ademais, os solicitantes que se matriculan por primeira vez na Universidade deberán ter unha nota de acceso a ela superior a 1 punto, mentres que nos restantes casos a cualificación media mínima será de 0.6 para os estudos de ensinanzas técnicas e de 0.8 para os estudos universitarios e superiores.
As prazas serán adxudicadas segundo a avaliación da puntuación académica do solicitante e a renda familiar, tendo prioridade os alumnos que queiran renovar a sua estancia en As Burgas. Ademais, ao marxe dos estudantes, tamén haberá un 5% de prazas dispoñibles para os demais membros da comunidade universitaria.

Servizos, prezos e axudas

Todos os apartamentos da residencia, algúns dos cales están adaptados para minusválidos, contan con cociña equipada, baño propio, mobiliario e enxoval de casa, calefacción, liña directa de teléfono, conexión a internet e antena de televisión. Ademais, conta cunha serie de servizos comúns entre os que destacan o ximnasio, a lavandería, o aparcadoiro, as salas de informática, estudo, fotografía, audiovisuais e xogos, así como a cafetaría.
O prezo das habitacións simples, tanto con cociña individual como compartida, é de 261,87 euros ao mes, mentres que o dos cuartos dobres é de 201,03 euros, aos que habería que sumarlles outros 7 euros mensuais en concepto de auga e 30 de electricidade.
Todos aqueles que consigan a súa praza poderán optar a unha das 110 bolsas de axuda para o aloxamento que convoca a Universidade de Vigo e que adxudicará en función da renda persoal en orde ascendente. As axudas consistirán en 50 bolsas de 115 euros ao mes e outras 60 de 60 euros, que serán ingresados na residencia onde se aloxe o beneficiario.

Residencia Alcai

Ademais da residencia pública As Burgas, no campus de Ourense tamén se ofertan 20 prazas na residencia concertada Alcai, situada na localidade de Allariz, das que a metade se corresponden a habitacións individuais e o resto, a cuartos dobres. O prezo non varía e é de 110 euros ao mes por persoa, con servizo de lavandería en réxime de autoservizo e zonas comúns. Asemade, o concello pon a disposición dos residentes un amplo programa cultural que inclúe a Escola de Hípica Municipal, o club de piragüismo, o pavillón polideportivo, rutas de sendeirismo e piscina climatizada, así como un servizo de autobuses continuo ata o campus.
Máis información