A UVigo exerce como sede este xoves e venres da Conferencia de Decanos e Decanas
Responsables das facultades de Belas Artes de España debaten en Pontevedra as principais demandas destes estudos
Abordan, entre outros aspectos, os efectos da aprobación da Lei de Ensinanzas Artísticas
Preto de 40 integrantes dos equipos decanais de 13 das 16 facultades de Belas Artes de España reúnense nas xornadas de xoves e venres en Pontevedra para debater sobre o futuro desta titulación e as principais demandas destes estudos. Fano na Conferencia de Decanos e Decanas de Belas Artes de España, que por segunda vez desenvolve a súa xuntanza plenaria na Universidade de Vigo. Ao longo destas dúas xornadas, as e os responsables das diferentes facultades abordarán cuestións como os efectos nesta titulación da Lei de Ensinanzas Artísticas ou a necesidade de definir criterios para o recoñecemento da produción artística nas acreditacións do persoal investigador. Ás reunións de traballo veranse complementadas á súa vez por unha serie de visitas a diferentes institucións culturais, como o Museo de Pontevedra, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ou a Cidade da Cultura.
O decano da Facultade de Belas Artes anfitrioa desta reunión, Xosé Manuel Buxán, abría na mañá deste xoves a primeira reunión de traballo subliñando a “honra” que supón tanto para este centro como para a Universidade de Vigo exercer como sede desta conferencia. Nese senso, destacou o interesante desta iniciativa tanto para potenciar “a nosa conexión co resto de facultades” de España como para que as e os seus responsables coñezan á súa vez “a historia e o contexto” deste centro. Ao mesmo tempo, outro dos obxectivos desta conferencia, sinalou Buxán, é que os diferentes equipos decanais poidan obter unha “visión panorámica”, tanto do “contexto social e cultural no que se enmarca a facultade” como dalgunhas das principais institucións vinculadas á arte de Galicia.
Lei de Ensinanzas Artísticas e competencias profesionais
Decano da Facultade de Belas Artes da Universitat Politécnica de Valencia, o presidente desta conferencia, Pepe Galindo, explica que unha das cuestións centrais a debater nestas dúas xornadas serán “as estratexias a seguir” tras a aprobación da nova Lei de Ensinanzas Artísticas Superiores, “na que se establece que os graos destas institucións son equivalentes a todos os efectos aos das universidades”. Isto, sinalou, supón un “agravio comparativo” para os graos en Belas Artes, xa que, como engade Daniel Bilbao, decano da facultade da Universidad de Sevilla e vicepresidente da conferencia, o alumnado destas institucións non ten que superar a PAU, a diferencia do universitario, á vez que “o noso profesorado está sometido a controis de calidade permanente por parte da Aneca e os nosos títulos teñen que someterse a acreditación”. Neste punto, Galindo destacou que unha vez “a lei xa se implantou”, o aspecto no que se porá o foco nesta reunión será na necesidade de “determinar as competencias profesionais de cada un dos titulados”, posto que se trata de perfís “completamente diferenciados”, sinalou Bilbao.
Outro dos aspectos centrais desta conferencia, engadiu Galindo, é tratar de “determinar dalgún modo o recoñecemento da produción artística no ámbito das acreditacións” do persoal investigador e das teses de doutoramento por compendio. Como sinala a decana da facultade da Universidad Complutense de Madrid e secretaria da conferencia, Raquel Monje, a súa demanda pasa polo establecemento duns “parámetros” que permitan que a produción artística dos investigadores e investigadoras neste eido poida “compararse adecuadamente coa produción no ámbito científico”.
Xunto a estas cuestións, a conferencia abordará tamén a necesidade de revisión da baremación das materias de debuxo nas probas de acceso á universidade, que “non están demasiado ben ponderadas”, recoñeceu Galindo, así como o proceso que está a desenvolver a propia conferencia para constituírse como asociación.
Achegamento ao contexto cultural
O arranque desta Conferencia de Decanos e Decanas viuse precedida pola recepción institucional que tivo lugar na noite deste venres na Casa Consistorial, co participación do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e da vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón. Nese obxectivo de achegar as e os participantes ás principais institucións culturais, este xoves tivo lugar tamén unha visita ao Museo de Pontevedra, onde foron recibidos polo vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, e pola súa directora, Ángeles Tilve.
Xa o venres, os decanos e decanas desprazaranse a Santiago de Compostela, para coñecer a Cidade Cultura, nun encontro coa súa directora xerente, Ana Isabel Vázquez, e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), onde serán recibidos polo seu director, Santiago Olmo, así como a catedral.