DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirección e Xestión Pública acolleu unha mesa de análise destes comicios

O resultado das eleccións europeas abre “interrogantes” en políticas comunitarias como a axenda verde

Os expertos sinalaron tamén a posible "reconfiguración" das coalicións na cámara

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Democracia
  • Académica
DUVI Pontevedra 12/06/2024

Entre o pasado xoves e domingo, preto de 360 millóns de persoas foron chamadas a elixir as e os 720 integrantes do Parlamento Europeo, nunhas eleccións que este mércores eran analizadas na Facultade de Dirección e Xestión Pública, nunha actividade promovida pola Cátedra Jean Monnet European Institutions and Citizens. Adapting the EU to the Digitalisation Challenges. O director desta cátedra, Celso Cancela, e os tamén investigadores da Área de Ciencia Política e da Administración da UVigo Fernando Martínez e Bruno González protagonizaron un coloquio que puido seguirse tanto de xeito presencial como virtual. “Probablemente, o resultado destas eleccións vai dar lugar a unha reconfiguración das coalicións parlamentarias que viñeron sustentando as decisións adoptadas nesta institución nas últimas lexislaturas”, sinalou Cancela neste debate, no que González incidiu no aumento de apoios acadados polas “formacións identitaristas e de extrema de dereita” no conxunto da UE. Nesa mesma liña, Martínez sinalou que os resultados destes comicios amosan unha “dereitización en España e no conxunto da UE”, á vez que incidiu en que estes poden ter “posibles efectos nas políticas do futuro”, sinalando concretamente a que “pódense abrir algúns interrogantes na chamada axenda verde da UE” e no seu papel “como actor global”.

Neste punto, outra das ideas trasladadas por Cancela foi que “a UE está nun proceso de politización”, polo cal a cidadanía europea “pode observar, cada vez de xeito máis nítido, como cobra importancia o feito de que o control das institucións estea en mans de forzas políticas de dereitas ou de esquerdas”. Nese senso, o investigador do Observatorio da Gobernanza destacou que as votacións ao Parlamento Europeo “son cada vez máis unhas eleccións reais”, nas que “elíxese entre alternativas políticas”.

Cancela resaltou tamén o “crecente impacto político” dos resultados nas esferas estatais, pondo como exemplo a convocatoria de eleccións lexislativas por parte do presidente francés, Emmanuel Macron. Nese senso, o coloquio detívose tamén en analizar as implicacións das votacións en España, destacando Martínez a “capacidade de resistencia do PSOE”, mais tamén “o afundimento da esquerda representada por Sumar e Podemos”, como engadiu González. Por outra banda, o PP foi quen de “agrupar todo” o voto de Ciudadanos “e algo máis”, apuntou Martínez, pero viu tamén como “a pesar de obter o maior número de deputados, está lonxe de pechar as fugas que se producen á súa dereita”, engadiu González. Neste punto, o investigador referiuse tamén á entrada no parlamento, con tres representantes, de Se Acabó la Fiesta, o que ao seu xuízo “amosa a insatisfacción dunha parte do electorado”, principalmente “novo e masculinizado”, coas “forzas políticas tradicionais”.

Baixos niveis de participación e ascenso da extrema dereita

Outro dos aspectos sinalados foi a “importante desafección” que arroxa, a xuízo de Martínez, a baixa participación nestes comicios, do 50,9% no conxunto da UE e do 49,2% en España. A isto súmase, engadiu González, que estas eleccións "continúan, de xeito hexemónico, a expresar a posicións da cidadanía respecto aos problemas e os debates que aparecen nas axendas estatais”, en lugar de focalizarse en cuestións comunitarias. 

No referido os resultados, González Cacheda subliñou a “importante perda de apoios” de verdes e liberais e a “profunda e longa crise das opcións de esquerda”. No lado contrario, aludiu ao aumento de votos das formacións “identitaristas e de extrema dereita” e sinalou un conxunto de factores, como “a impotencia das institucións para poder dar solucións a algúns dos principais problemas, como a vivenda e a precariedade”, que poderían explicar “a busca de solucións en clave reaccionaria e identitaria por parte dalgúns sectores sociais aos que chega con forza un discurso que pon no centro do debate a existencia de determinados inimigos”.