DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O EMLex Wiktionary Hackfest terá lugar o venres 18 en Ciencias da Educación e do Deporte

Retorna ao campus o único ‘hackatón’ dirixido a incorporar contidos ao ‘Galizionario’

Aberto á participación da cidadanía, insírese nas actividades dun mestrado europeo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 11/11/2022

Despois de que a pandemia impedise levalo a cabo os últimos dous anos, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte volverá acoller, o vindeiro venres 18, o único hackatón dirixido a incorporar novos contidos ao Galizionario, a versión en galego do Wiktionary, un dicionario multilingüe de contido libre impulsado pola Fundación Wikimedia, o organismo promotor da Wikipedia. Aberto á participación da cidadanía e con inscrición gratuíta, o EMLex Wiktionary Hackfest insírese nas actividades dun mestrado europeo sobre lexicografía e levará aos e ás participantes a traballar ao longo da xornada na incorporación de novos contidos a este dicionario colaborativo, que conta a día de hoxe con máis de 75.000 entradas.

Este maratón contará coa participación do alumnado que cursa o mestrado Erasmus Mundus EMLex na Universidade de Santiago de Compostela e na Universidade do Minho, como parte das actividades da súa materia sobre lexicografía colaborativa, que ten entre os seus docentes ao profesor da facultade pontevedresa Carlos Valcárcel, responsable do comité organizador deste evento. “Os proxectos colaborativos abertos precisan de actualización constante”, lembra este profesor, que incide en que se ben “isto é ben coñecido no caso da Wikipedia”, tamén é un labor necesario no caso dos dicionarios, non só pola súa necesidade de actualización, senón tamén polo feito de que “certas edicións, como a galega, precisan aínda de moito traballo para cubrir o vocabulario esencial”. Con ese obxectivo, o encontro busca reunir tanto aos futuros e futuras profesionais da lexicografía que se forman no mestrado, como a editores do Galizionario e usuarios e usuarias deste dicionario colaborativo.

Unha xornada de traballo

Aínda que a pasada primavera organizouse outro hackfest na Universidade do Minho, no que participou o alumnado que cursa nela o mestrado EMLex, que coordina a Friedrich-Alexandrer University de Erlangen-Nümberg, o da vindeira semana será a terceira edición dun maratón con “carácter interuniversitario”, como lembra Valcárcel, que xa se levara a cabo en 2018 e 2019 en Ciencias da Educación e do Deporte. O evento abrirase cun acto de benvida no que participarán a vicerreitora do campus, Eva Lantarón, o decano, Óscar García, e a coordinadora do mestrado na USC, María José Domínguez, e continuará cun taller a cargo do coordinador da edición en castelán do Wiktionary, Eneko López. Este, como explica Valcárcel, terá como obxectivo presentar aos asistentes “os puntos esenciais do que é un wikcionario, os roles da comunidade de editores e as nocións básicas do traballo de edición”.

A partir de aí, as persoas participantes traballarán ao longo da xornada na incorporación de contidos, organizados en diferentes grupos en función dos seus intereses e obxectivos, aínda que tamén será posible traballar de xeito individual. Do mesmo xeito, ademais de que poderán centrarse nos contidos do seu interese, tamén será posible traballar noutras edicións do Wiktionary, sinala Valcárcel, aínda que o evento terá no Galizionario o seu ámbito central de traballo. Finalmente, o encontro pecharase ás 19.30 horas cun acto no que os diferentes equipos presentarán os resultados do labor que levaron a cabo ao longo deste maratón.