DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto a toda a cidadanía, terá lugar o xoves 1 de decembro no Pavillón Universitario

Retorna o Maratón de Zumba Solidario, que reunirá alimentos para o comedor social dos Pais Franciscanos

Solicítanse produtos non perecedoiros a modo de inscrición

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 24/11/2022

Despois de que covid-19 impedise levalo a cabo nos últimos dous anos, o xoves 1 de decembro retorna o Maratón de Zumba Solidario, unha iniciativa que combina a práctica de actividade física co apoio ao labor social que desenvolven no comedor dos Pais Franciscanos e que a Universidade de Vigo promove desde hai preto de dúas décadas nas datas previas ao Nadal. Promovido pola Área de Benestar, Saúde e Deporte xunto coa Vicerreitoría do campus e aberto á participación de toda a cidadanía, a edición número 18 deste maratón desenvolverase no Pavillón Universitario entre as 19.00 e as 21.00 horas. “Trátase dunha actividade aberta a persoas de todas as idades”, sinala o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deportes no campus, Gustavo Loureiro, que explica que o único requisito para participar é achegar, a modo de inscrición, un quilo de alimentos non perecedoiros, que serán doados ao comedor social dos Pais Franciscanos.

“É unha alegría poder repetir esta actividade solidaria, que era unha data fixa no calendario de actividades deportivas do campus”, engade Loureiro dun maratón que volve celebrarse tras dous anos de parón “coa ilusión de que acuda máis xente, xa que despois do vivido na pandemia, poder retomar unha actividade que permite divertirse e axudar aos demais é a mellor noticia”. Na súa anterior edición, que tivo lugar en 2019, este Maratón de Zumba Solidario contou coa participación de preto de 120 persoas e permitiu doar 250 quilos de alimentos ao comedor social.

Ao longo das dúas horas deste maratón, as persoas interesadas poderán sumarse, durante o tempo que queiran, á realización dunha serie de coreografías que combinan os exercicios aeróbicos e os pasos de baile. Farano guiados por un equipo de monitores e monitoras coordinados por Bruno Hermida. Un ano máis, o maratón contará coa colaboración de Gadis e Coca-Cola, que achegarán bebidas, froita e barriñas enerxéticas ás persoas participantes.