DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A comunidade posiciónase como referente nacional e internacional neste eido

O retorno do Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas de Galicia supera xa os 10 millóns de euros

Arrancou en 2021 cun investimento de 9,6 millóns de euros, procedente do Ministerio e a Xunta

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 05/11/2025

O Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas de Galicia, PCCC, instrumento creado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades en colaboración coa Xunta de Galicia e dotado dun orzamento de 9,6 millóns de euros, permitiu posicionar esta comunidade como referente nacional e internacional en investigación e innovación en tecnoloxías cuánticas. Así se explicou este mércores na conferencia final do proxecto, un encontro no que se expuxeron os numerosos avances logrados desde que esta iniciativa se puxo en marcha, en 2021, e como todos estes resultados “de gran calado” están xa, “en apenas catro anos” dando os seus primeiros froitos, “estimados, nestes intres nun retorno de máis de 10 millóns de euros”, unha cifra que se agarda “medre moito máis no futuro, tanto a medio como a longo prazo”.

Entre outros resultados púxose como exemplo a posta en funcionamento da maior liña de comunicación cuántica de España -e unha das maiores de Europa-; a creación de tres laboratorios experimentais dotados da última tecnoloxía ou o inminente despregue dunha estación óptica terrea para comunicacións cuánticas vía satélite que será tamén pioneira neste país.

O encontro, celebrado no paraninfo do edificio Ernestina Otero do campus de Vigo, contou coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e a directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Carmen Cotelo, xunto con Jesús María Salvador, representante do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e o catedrático da Universidade de Vigo e investigador de atlanTTic Marcos Curty, director científico do Vigo Quantum Communication Center e coordinador en Galicia deste plan.

Todos destacaron o éxito sen precedentes deste plan, “unha iniciativa ao abeiro da cal se están marcando fitos moi relevantes”, tal e como destacou a directora de GAIN, quen puxo sobre a mesa o apoio decidido do goberno galego a darlle continuidade a unha iniciativa que sitúa a Galicia como referente. “Queda moito por facer, agora toca seguir mantendo esa posición de liderado e incrementando todas as colaboracións que nos permitiron chegar ata aquí”.  Un balance “tremendamente positivo” que tamén fixo o responsable do ministerio, quen destacou que os Plans Complementarios de Comunicación Cuántica foron dotados dun financiamento total de 57 millóns de euros, dos que 9,6 lle corresponderon a Galicia.

Infraestruturas únicas

Como exemplos de actuacións concretas postas en marcha ao abeiro do plan, Marcos Curty explicou que os tres laboratorios experimentais se sitúan na Universidade de Vigo. “Son laboratorios altamente equipados e de arredor de 90 metros cadrados cada un deles”, indicou Curty, ao que engadiu que un está destinado a comunicación cuánticas por fibra óptica, outro a comunicacións cuánticas por espazo libre e vía satélite, e o terceiro é específico para temas de hackeo e certificación de tecnoloxías de comunicacións cuánticas.

En canto á nova liña de comunicación cuántica despregada entre Vigo e Santiago -de 120 km de longo-, resaltou que non só se trata da maior infraestrutura deste tipo en España, senón dunha das máis longas a nivel internacional.  Desenvolta por investigadores do Centro de Supercomputación de Galicia, Cesga, co asesoramento do Vigo Quantum Communication Center Vigo da UVigo, trátase, segundo indicou Curty, dunha tecnoloxía revolucionaria para crear e distribuír claves de cifrado de xeito absolutamente seguro e con múltiples aplicacións prácticas: desde a protección de infraestruturas críticas, como redes eléctricas e sistemas de control de tráfico aéreo, ata a seguridade de transaccións bancarias e datos de saúde da cidadanía.

No relativo á nova estación óptica terrea para comunicacións cuánticas vía satélite, situada tamén na UVigo, Curty adiantou que  se porá en marcha en “apenas unhas semanas” e “permitiranos conectarnos coas principais misións europeas e internacionais de satélites cuánticos, como Eagle-1 e SAGA,  liderados pola Axencia Espacial Europea”. Trátase dunha infraestrutura “tamén pioneira en España, polo que seremos dos primeiros que teremos acceso a ela”.

Contratación de máis 25 investigadores/as altamente cualificados

A posta en marcha do plan en Galicia permitiu ademais investir en persoal altamente cualificado, facilitando a contratación de máis de 25 investigadores -16 deles na propia Universidade de Vigo-. “Conseguimos atraer moitísimo talento novo, con moitas ganas e forza, e tamén talento senior, cunha experiencia máis contrastada e que nos permite dar un gran salto en calidade para lograr esa excelencia que todos buscamos”, salientou o responsable do VQCC. 

A contratación de todo este persoal, de maneira conxunta co talento do que xa se dispuña en Galicia, permitiu concorrer con éxito a diversas convocatorias de investigación nacionais e europeas e asinar contratos con empresas por un valor superior aos 10 millóns de euros. Neste tempo publicáronse, ademais, máis de 60 publicacións en revistas científicas, 45 delas realizadas por investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo. Son algúns dos datos máis significativos que reflicten os resultados para Galicia da posta en marcha do plan.

Importancia de reter en Galicia todo o talento captado

“Fíxose un esforzo enorme por atraer talento, agora precisamos que siga apostando por reter no país a estes profesionais”, reivindicou Curty ante a responsable da Xunta e o Ministerio. “Queremos que ese esforzo se manteña e se intensifique. Temos o talento, temos as infraestruturas, agora precisamos ter medidas que nos permitan reter ese talento en Galicia”, subliñou Curty, insistindo na idea de que se precisa “que todo ese esforzo continúe” dalgún xeito.

O último en intervir foi Manuel Reigosa, quen amosou o seu orgullo pola posta en marcha deste plan e por todos os éxitos acadados. “Penso que por primeira vez na historia da nosa comunidade autónoma temos a posibilidade de sacar a cabeza e ser pioneiros, ser os que tiran do tren e non dos que os ven pasar”, subliñou o reitor, ao tempo que fixo referencia a que seguir nesa liña de colaboración público-privada e entre institucións, ´”é o gran reto e o que marcará  a diferencia”.