DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O fotógrafo Nacho Alonso imparte un taller de fotografía na Facultade de Belas Artes

Como retratar cunha cámara e “sen medo ao erro” 

Aborda co alumnado como traballar en escenarios cotiás, coa luz presente no lugar

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Académica
DUVI Pontevedra 26/10/2020

Luz de ventá é o título do taller que entre este luns e este mércores imparte na Facultade de Belas Artes o fotógrafo vigués Nacho Alonso e que ten como eixo abordar a realización de retratos en escenarios cotiás, empregando a propia luz presente no lugar. O obxectivo deste taller, coordinado polo profesor Ignacio Pérez-Jofre, é abordar coas participantes “como podes facer unha foto, ou cando menos intentalo, sen necesidade de flash, de focos ou de nada especial, coas luces que te atopas”, sinala. Para iso, ao longo das tres xornadas combinarase a análise dos traballos de diferentes fotógrafos, coas das propias imaxes tomadas polo alumnado, ao que Alonso busca tamén transmitir a importancia que neste campo ten afrontar o traballo “sen medo ao erro”.

“O máis difícil para facer un bo retrato é ser un mesmo, ser valente e non ter medo ao erro, a que as cousas non salgan”, salienta Alonso. Partindo desta idea buscará ao longo das tres xornadas do taller trasladar aos asistentes a importancia “de que non desesperen, xa que se teñen algo que contar, acabarán contándoo, pero a base de moita frustración”, lembrando nese senso que “ata o mellor fotógrafo ten centos de arquivos que para o único que serviron é para chegar ao arquivo bo”. 

Traballar cos elementos da contorna

“Cando comecei a facer retratos, a primeira luz coa que comecei a sentirme seguro era coa luz de ventá”, lembra Alonso aludindo ao título dun taller que ten como eixo a realización de retratos valéndose da propia iluminación, natural ou artificial, de cada espazo. “Sexa a dunha ventá, a dunha lámpada ou a do fluorescente dun baño”, sinala, a idea é que “vexan que se poden facer boa fotos en calquera lugar, que o que fai falta é atrevemento”. De feito, un dos obxectivos do taller é  “facer fotos, xogar coa cámara, ver os resultados e falar sobre eles”, sinala. Nese senso, o responsable deste taller, cuxas creacións formaron parte nas últimas décadas dunha decena de exposicións individuais e colectivas, busca xerar un diálogo “no que xurdan cuestións técnicas e experienciais”, a través da análise dalgúns dos seus traballos e das creacións de diferentes fotógrafos, pero tamén dos retratos que as participantes poidan realizar nestes días, tanto durante o propio taller como dos retratos que nestes días poidan realizar persoas da súa contorna.

Ao mesmo tempo, Alonso busca tamén abordar coas participantes a súa maneira de enfrontarse á realización dun retrato, que pasa, sinala, “por observar a escena e a persoa que quero fotografar e ir buscando con naturalidade, sen moito intervencionismo”. Nese senso, o responsable do taller quixo tamén incidir co alumnado na importancia que ten tanto aprender dos erros e “ser fiel a unha idea”, como de ter en conta que “en fotografía, o mellor editor é o tempo” e que, moitas veces, será preciso analizar de novo pasados os días os traballos realizados.