DUVI

Diario da Universidade de Vigo

TFG e TFM centran o segundo número do ‘International Multidisciplinary Journal Crea’

A revista do Campus Crea pon en valor as investigacións do alumnado

O propósito é dedicar un volume cada ano aos traballos finais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 10/06/2022

Nacida coa finalidade de conectar diversas disciplinas e contribuír á divulgación científica desde unha perspectiva interdisciplinar, a revista científica do Campus Crea busca tamén pór en valor os traballos de investigación que o alumnado leva a cabo para os seus traballos de fin de grao (TFG) e fin de máster (TFM). De acceso aberto e inserida no portal do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, o segundo número do International Multidisciplinary Journal Crea recolle con ese propósito unha serie de artigos realizados por novos titulados e tituladas a partir dos traballos finais polos que foran recoñecidos nos primeiros Premios TFG e TFM do Campus Crea.

Deste xeito, estudos sobre o grao de desenvolvemento da competencia motriz no alumnado de secundaria, sobre a influencia dos estereotipos de xénero na elección de videoxogos ou sobre as posibilidades da performance como ferramenta emocional forman parte do segundo volume desta publicación dixital. Impulsados o pasado ano pola Vicerreitoría do campus e a Concellaría de Promoción Económica e Universidades, nas bases destes premios recollíase xa “ese aliciente de que se lles invitaría a transformar o seu traballo nun paper”, como explican o responsables desta revista, que ten como editores principais ao vicerreitor do campus en funcións, Jorge Soto, e aos directores en funcións do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, e da Área de Infraestruturas, José María Cancela. “O obxectivo era un pouco dar a coñecer o que se fai nas facultades a través dos TFG e TFM, que son moitas veces traballos con moita valía, non só científica, senón tamén a nivel de formación, e que quedan nun arquivador ou almacenados nun repositorio e non se dan a coñecer”, salienta Cancela. Ao mesmo tempo, o feito de que os titulados e tituladas tivesen que converter os seus traballos nun artigo de poucas páxinas supuña tamén un labor de síntese “que é moi importante no desenvolvemento da carreira investigadora e na formación de calquera estudante”, engade Souto. 

De aí que, como sinalan os seus editores, esta publicación científica nacese coa idea de dedicar cada ano un dos seus volumes a TFG e TFM e outro a artigos de investigación que se enmarquen nos catro ámbitos do Campus Crea, arte, comunicación e creatividade; deporte, saúde e benestar; medio ambiente e natureza e educación, innovación social e xestión pública. Cun consello editorial integrado por 12 docentes das diferentes facultades e escolas do campus e un comité editorial que reúne profesorado de sete universidades españolas e portuguesas, trátase dunha revista que está dando “os seus primeiro pasos”, como salienta Cancela, que lembra que as publicacións científicas “teñen un proceso de maduración longo” de cara a adquirir prestixio. Non obstante, engade, o IMJC “ten os vimbios para que poida ir crecendo co tempo” ata chegar a ser indexada nas principais bases de datos de publicacións científicas.

Cinco estudos nacidos nas aulas

Neste segundo número recóllense artigos que resumen traballos premiados como o que Iván Fabeiro realizou, co profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Pedro Vicente Vila como titor, sobre a competencia motriz do alumnado de secundaria. Nacido como TFM do máster de profesorado, trátase dun estudo no que participaron 125 estudantes de secundaria e no que detectou “un baixo nivel de adquisición” dunha competencia “clave” na consecución dun estilo de vida saudable. Resultado dun TFG premiado, outro dos artigos dá conta do estudo no que o graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Borja Piñeiro revisaba a literatura científica existente sobre os efectos da gamificación no alumnado de Educación Física de primaria e de secundaria e no que pon de relevo os seus beneficios en termos de motivación e rendemento. 

Recoñecido tamén nestes premios do Campus Crea, o TFG da titulada en Educación Primaria Isabel Campo foi o punto de partida un artigo que analiza “a influencia na socialización diferencial por xénero” nas preferencias que teñen á hora de escoller videoxogos nenos e nenas de 11 e 12 anos, no que dá conta dos resultados do estudo que levou a cabo con preto de 50 estudantes. Así mesmo, a revista recolle o artigo da graduada en Belas Artes Raquel F. Couto realizou xunto co catedrático Antón Castro sobre o papel da performance “como ferramenta terapéutica emocional” xunto cos resultados da proposta didáctica que a graduada Eugenia Membrives levou a cabo, coa catedrática Ángeles Parrilla como titora, nunha aula de educación infantil da que era alumno un neno “cunha enfermidade pouco frecuente”, co propósito de promover a inclusión e mellorar “a percepción da diversidade” dos nenos e nenas.