DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O texto, do profesor XM Pacho Blanco, afonda nos dereitos das mulleres

A 'Revista Catalana de Dret Públic' publica por primeira vez un artigo en galego

Repasa os antecedentes históricos da loita pola igualdade

Etiquetas
  • Vigo
  • Democracia
  • Lingua Galega
  • Académica
M. Del Río DUVI 28/06/2018

O número de xuño da Revista Catalana de Dret Públic rompe unha barreira lingüística e inclúe por primeira vez nesta publicación un artigo escrito en galego. O texto está asinado polo profesor da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Xosé Manuel Pacho e nel repasa os antecedentes históricos da loita pola igualdade e analiza os dereitos das mulleres.

Esta revista adoita incluír textos en catalán, español e inglés, pero esta é a primeira vez que un investigar publica en lingua galega. O docente explica que estivo traballando sobre as reivindicacións e os dereitos das mulleres e as diferentes xeracións de dereitos humanos, “e pensei que sería interesante publicar o traballo en galego, posto que debemos decatarnos de que a nosa lingua é tan válida como calquera outra para a investigación e para a excelencia reivindicando espazos aos que non adoitaba chegar”. Neste sentido considera que no campo do Dereito “non é doado atopar traballos realizados en lingua galega, coido que porque o noso contexto social e académico non percibe o que ten de valor engadido poder publicar na nosa lingua”. Recoñece que é consciente da dificultade que implica, “semella máis doado ser citado en castelán ou en inglés que en galego, pero quero pensar que para que unha investigación sexa citada o que cómpre é a excelencia e non aspectos alleos a ela; polo menos así debería ser”. 

Respecto da temática do artigo, Pacho explica que “se o analizamos en perspectiva histórica, veremos que o paradigma dos dereitos fundamentais, dos dereitos humanos, nace dende unha sociedade onde o poder era masculino. Isto tivo como consecuencia que a muller fose relegada tamén na razón moderna e na súa gran conquista: os dereitos humanos”. Por este motivo, as mulleres “loitaron e loitan por camiños propios para conseguir eses dereitos” e o investigador considera que entender isto “é fundamental para comprender moitos dos problemas actuais, tan dolorosamente presentes, da equiparación entre homes e mulleres”.

As xeracións de dereitos

No artigo Pacho examina os antecedentes históricos e as distintas xeracións de dereitos, “dende os memoriais de agravios medievais á reclamación do político no ámbito persoal da sociedade”. A loita pola igualdade, explica o profesor, non transcorreu paralela a outras loitas e demandas sociais, “xa que a estrutura social patriarcal condicionou tanto a evolución dos dereitos como a permanente exclusión da muller e as súas propias reivindicacións”. Para evidenciar esa diferencia, o docente do campus vigués fai un percorrido polas diferentes xeracións de dereitos. A primeira xira arredor da liberdade individual e recóllese tanto na Declaración de Independencia americana de 1776 como a Declaración dos dereitos dos homes e dos cidadáns de 1789. Segundo o autor, “os dereitos desta primeira xeración teñen como principal fundamento a filosofía individualistas e a liberdade, aínda que esqueceron a muller” e cita a Amelia Valcárcel para sinalar que “o feminismo foi o fillo non desexado do igualitarismo ilustrado”. A segunda xeración dereitos “céntrase no valor da igualdade”, ocupándose maioritariamente da tutela dos dereitos sociais froito das reivindicacións socialistas, sindicais e de clase, como o dereito ao traballo, a igual salario, á educación, etc. Porén, esta nova xeración tamén deixou de lado as mulleres, e como remarca o docente, “logros como o sufraxio universal eran só para os homes”. Co cambio de século chegou a terceira xeración de dereitos, que está recollida na Declaración Universal de Dereitos Humanos das Nacións Unidas, dereitos referidos á saúde, á vivenda, á contorna ou medio ambiente e á paz. “A titularidade desta xeración de dereitos xa non é só individual, involucra a toda a humanidade coa súa pluralidade e diversidade”. Moi ligada a esta está a cuarta e última xeración, tanto que para moitos expertos non existe diferenciación, cun aspecto destacado que fai referencia á liberdade de expresión, á liberdade de pensamento, etc.

Pero segundo Pacho, o paradigma das xeracións de dereitos non é aplicable á causa das mulleres posto que é un produto nacido dunha sociedade patriarcal que relegaba a muller. Con todo, puxo á disposición da muller a abstracción da igualdade e permitiu construír o seu propio imaxinario reivindicativo, aproveitando as potencialidades emancipatorias do proxecto da modernidade, e comprendendo a razón en perspectiva crítica facendo unha lectura que permite construír unha praxe diferente.

Como conclusión, o docente da Universidade, considera que “a sociedade actual, a modernidade e a posmodernidade son herdeiras do pensamento ilustrado, un pensamento que, non o podemos negar, se construíu dende un paradigma social dunha minoría, cultural, relixiosa, económica, racial, de clase e, indubidablemente, patriarcal, pero que concibiu e consolidou, creo que non se pode cuestionar, a lóxica dos dereitos”. Con todo, considera o docente que cómpre superar a estratificación social e as
culturas discriminatorias e considera esta “unha das grandes tarefas que a razón moderna ten por resolver” para acadar un paradigma social fundamentado na igualdade, un paradigma de cidadanía diverso e pluricultural.