DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A publicación está accesible de xeito virtual

A revista 'Minius' lanza un novo número apostando polo seu carácter interdisciplinar e internacional

É unha iniciativa do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 19/09/2022

O número 26 da revista Minius. Historia, Arte e Xeografía, xa está dispoñible na rede. Nas súas 440 páxinas recóllese un total de 15 artigos e dúas recensións que abranguen temáticas pertencentes á historia, á historia da arte e á xeografía e que confiren á publicación un carácter interdisciplinar. Nesta ocasión, a revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo aposta ademais por avanzar no seu carácter internacional.

A revista, editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, ten como director a Xosé Antón Díaz e como director adxunto a Xosé Ramón Campos, que destacan que a edición deste novo número supón un motivo de satisfacción non só para a publicación, senón tamén para o Departamento de Historia, Arte e Xeografía, a Facultade de Historia do campus de Ourense e a propia UVigo. Minius, subliñan, “é froito conxunto dun vasto equipo de persoas e esforzos”, pondo en valor especialmente “a intensa actividade” desenvolvida polas diferentes áreas académicas que internamente constitúen o departamento responsable da revista.

Diversidade de contidos

A extensión da publicación, con máis de 400 páxinas, engaden desde a súa organización, dá conta do traballo desenvolvido polos consellos de redacción e científico da revista, así como tamén polos pares cegos. Sobre os contidos deste novo número, desde a súa organización apuntan que se corresponden coas diferentes áreas de coñecemento que abrangue o propio Departamento de Historia, Arte e Xeografía da UVigo. Nunha ollada aos textos finalmente publicados, sinalan, “apreciamos a marcada vocación interdisciplinar desta publicación”.

Ao longo das páxinas deste número, comentan os seus responsables, o foco de interese xeográfico muda, habendo artigos sobre Galicia, España, Cuba, Latinoamérica, etc. Xunto a esta diversidade, desde a dirección de Minius subliñan que “o marcadamente relevante” neste número 26 “é a xa participación activa de especialistas internacionais con propostas de investigacións sobre temáticas de coñecemento correspondentes a escenarios internacionais ou a temáticas que afrontan o seu enfoque sobre territorialidades foráneas”. Este feito, recalcan, constitúe unha acentuada proxección internacional de Minius cara aquelas comunidades científicas e académicas pertencentes a universidades internacionais”.

O bloque de artigos da publicación arranca cun de Rosa Brañas titulado Que foi dos Galigrecos? Apuntes de xeografía protohistórica de Galicia; outro do propio Xosé Ramón Campos sobre a política inmigratoria venezolana de 1958 a 1990 e outro de Antón Costa sobre Luís Soto Fernández: o mestre rebelde... e exiliado. Séguenlle textos sobre temáticas como a política de infraestruturas do transporte en Galicia; a factoría de salgadura romana da praia do Naso; as iconografías do teatro medieval e iconografías do cine dos pioneiros; Cuba a través da revista Unión Iberoamericana e a xeopolítica da covid-19 en Cuba. Outros aspectos abordados son os factores determinantes da demanda do produto turístico litoral galego; o castelo medieval do Formigueiro; a fuxida do exilio republicano cara Latinoamérica e a evolución cronolóxica da cerámica de finais da Idade do Ferro na conca media do río Miño. Para pechar este bloque de artigos, José Ramón Sánchez realiza unha aproximación aos restos arqueolóxicos da canteira de pedras de Molienda de Carchuna; Carlos Sixirei fala da covid e Bolsonaro e Raúl Soutelo reflexiona sobre a actuación sociopolítica en Galicia dos emigrantes retornados de Cuba (1900-1936).