DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mensaxe de estado

O próximo mércores día 26 de xaneiro o portal estará fóra de servizo entre as 08:30 e as 09:30 debido a unha intervención programada

A escritora formou parte do seu Consello de redación ata o seu falecemento

A revista 'Viceversa' recolle nun monográfico especial as “moitas voces” de Xela Arias como tradutora

É un dos aspectos menos coñecidos da súa obra, malia publicar máis de 35 traducións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Cultura
M. Del Río DUVI 30/11/2021

Aló por 1995, cando botaba a andar a revista Viceversa, da man da Asociación de Tradutores Galegos (ATG) e do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, o seu Consello de Redacción contaba entre os seus membros con Xela Arias. Naquel intre, a poeta estaba intimamente ligada á Facultade de Filoloxía e Tradución viguesa, onde cursou os seus estudos entre 1991 e 1994. Agora, pasados máis de 25 anos, a revista quere renderlle homenaxe coa publicación dun número especial dedicado exclusivamente á súa faceta de tradutora. O acto de presentación deste monográfico tivo lugar este martes na facultade e contou coa presenza dos coordinadores da revista, os profesores Alberto A. Lugrís e Ana Luna, editores deste número xunto coa escritora María Reimóndez, que non puido asistir. Estiverom acompañados polo director do Servizo de Publicacións da UVigo, Jorge Luis Bueno; o director de Xerais, Fran Alonso e o fillo de Xela Arias, Darío Gil, xunto coas escritoras e/ou tradutoras Tamara Andrés, Alba Rodríguez, Marilar Aleixandre, Erin Moure, Kathleen March e Georg Pichler.

O monográfico especial de Viceversa titulado Unha voz, moitas voces. Xela Arias tradutora xorde, como explican Alberto Álvarez Lugrís e Ana Luna, “para contribuír ao conxunto de estudos que sobre Xela Arias se veñen publicando co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2021. Este volume estuda a faceta de Xela Arias como tradutora e editora de traducións, que son os aspectos menos coñecidos da súa obra, malia publicar máis de 35 traducións ao longo da súa vida”. Lembran que Arias foi membro co Consello de Redacción dende 1995 ata o seu falecemento, en 2003, “polo que concibimos o volume tamén como unha pequena homenaxe á que foi a nosa compañeira”. 

Os traballos que compoñen o libro, publicado por Edicións Xerais de Galicia, estudan, segundundo avanza Álvarez Lugrís, por exemplo, "o papel que Xela Arias tivo na profesionalización da tradución editorial; os problemas e características da tradución dende o castelán (O bosque animado de Wenceslao Fernández Flores, Os Corredoiras de Juan Farias); unha análise do proceso de tradución a catro mans (en colaboración con outras tradutoras traduce As bruxas de Rohald Dahl e Dublineses de James Joyce); ou unha análise máis detallada das súas traducións máis coñecidas: Drácula de Bram Stoker, na que se recupera o papel de Mina Murray na derrota do vampiro, e Venus negra, de Angela Carter, na que se reivindica a relevancia de Jeanne Duval, que adoita presentarse simplemente como a musa negra de Baudelaire. O volume remata cunhas traducións de varios poemas de Xela Arias ao inglés, francés e alemán".

“Facer patrimonio da nosa lingua”

Na presentación do libro, a profesora Ana Luna agradeceu a colaboración de “tantas persoas” que fixeron posible este volume, dende a Universidade ata Xerais, pasando por todas as expertas e expertos que tomaron parte no libro. Precisamente, o director da editorial, Fran Alonso, recoñecía que “para Xerais este libro non é unha homenaxe á escritora á que se lle dedican as Letras Galegas 2021, este libro é unha débeda que tratamos de salvar, grazas a Viceversa, cunha persoa que contribuiu a engrandecer dun xeito extraordinario o catálogo de Xerais, que non sería o que é sen todo o labor que se levou a cabo durante os anos nos que Xela Arias traballou na editorial”. De feito, é esta relación profesional a que xustifica que este novo número de Viceversa non sexa editado polo Servizo de Publicacións da UVigo, senón por Xerais.

Darío Gil, en nome da familia amosouse “plenamente agradecido a Viceversa, a Xerais e á Universidade de Vigo, así como aos autores que participan no libro, polo seu traballo, dedicación e esforzo para que este libro saise adiante”. Recoñeceu que este foi “un ano moi intenso e prolífico e nós, como familia, nunca poderemos saldar a débeda que temos con todos os actores do país que fixeron posible que saisen á luz moitísimos traballos, proxectos, cancións, filmes... toda unha produción xeral abraiante. Nunca poderemos devolver todo o que durante este ano a cultura galega nos brindou”. En referencia a este volume de Viceversa, remarcou que permite visibilizar o traballo de tradución, “unha faceta, ás veces, esquecida de moitos autores” pero que en palabras da súa nai “é un xeito de facer patrimonio da nosa lingua”. 

O director do Servizo de Publicacións da UVigo, Jorge Luis Bueno, quixo aproveitar o evento para poñer en valor a traxectoria da revista Viceversa, “un referente no eido da análise teórico-práctica da tradución dende a súa fundación”. O docente laiouse de que por “falta de apoio institucional” no 2014 deixase de publicarse en formato papel, polo que cando chegou á dirección do Servizo de Publicacións en 2018 se marcou como obxectivo prioritario “rescatar do esquecemento e darlle nova vida a revistas punteiras coma esta, que non se sentiron apoiadas no seu día”. Viceversa foi das primeiras, e “nun tempo case récord, o equipo directivo puxo en marcha de novo a revista xusto a tempo para poder participar da celebración do Ano da Letras dedicado a Xela Arias e poder acometer este proxecto de libro”. Tanto é así, que a Asociación galega de profesionais da tradución e a interpretación lle outorgou este ano á revista o Premio Xela Arias “ao traballo que fai esta publicación en relación coa teoría da tradución á nosa lingua e pola súa traxectoria”. O encargado de recoller o galardón, que se entregou este domingo na feira Culturgal, foi o profesor Álvarez Lugrís.

O acto deste martes completouse coa intervención de tres das autoras que participan no libro, Tamara Andrés, Alba Rodríguez e Marilar Aleixandre, esta últuma de modo virtual, que afondaron nas súas achegas a este volumen. Pecharon o evento tres tradutores e tradutoras da obra de Xela Arias ao inglés e ao alemán, Kathleen March, Georg Pichler e Erin Moure, en cuxas voces as persoas asistentes puideron escoitas estratos das obras de Arias.