DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus acolle esta tarde un coloquio sobre as transicións ibéricas

A Revolución dos Caraveis, unha “ruptura política, económica e cultural”

Coa participación do membro do MFA portugués Martins Guerreiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Divulgación
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 29/04/2019

Facer público o programa político do Movemento das Forzas Armadas (MFA) foi o cometido que o, por aquel entón, capitán da Mariña portuguesa e membro deste movemento impulsor da Revolución dos Caraveis Martins Guerreiro asumiu o 25 de abril de 1974, na xornada na que un levantamento militar derrocou á ditadura do Estado Novo portugués. Lembrar e reflexionar sobre a revolución portuguesa, que conmemoraba a pasada semana o seu 45 aniversario, e abordar tamén a súa influencia sobre a Transición española son os obxectivos centrais da mesa de debate que, na tarde deste luns promove na sede da Vicerreitoría do campus a Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3, e na que reúne a dous protagonistas directos destes acontecementos, o coronel retirado do exército español Xosé Fortes e o almirante, tamén retirado, Martins Guerreiro, que lembra a revolución como “unha ruptura política, económica e cultural, un proceso que deu unha transformación completa ao país”. 

O obxectivo desta mesa de debate, salienta o seu coordinador, o profesor Álvaro Xosé López Mira, é abordar uns “feitos de enorme relevancia histórica, que lamentablemente poucos anos despois comezan a estar esquecidos”. “Convén que as novas xeracións saiban que as democracias nas que vivimos, con todos os matices que queiramos poñerlles, non son produto da casualidade senón da loita”, engade o impulsor dunha actividade que xunta na mesma mesa “a dous protagonistas das transicións ibéricas”. 

Unha ruptura política, pero tamén económica e cultural

“A Revolución dos Caraveis provocou moitas rupturas, en diferentes niveis”, sostén Guerreiro, quen pon o foco que máis aló da “ruptura política evidente” que supuxo o alzamento que derrocou a ditadura portuguesa, o levantamento do 25 de abril foi en primeiro termo “unha ruptura militar”, xa que as forzas armadas “eran un dos piares do réxime fascista e a revolución rompe a xerarquía militar, o que, de feito, faina completamente diferente dun golpe de estado”. Mais a revolución foi tamén, engade, “unha ruptura económica evidente”, posto que despois do 25 de abril “o réxime económico alterouse completamente”, con procesos como as nacionalizacións da banca ou a reforma agraria. Mais, ao mesmo tempo, a Revolución dos Caraveis foi tamén “unha ruptura cultural profunda”, sinala este integrante do MFA, quen pon ao mesmo tempo o foco noutros dos factores que, ao seu xuízo, diferencian este proceso dun golpe militar. “Nós tiñamos un programa político, cuxas bases eran as da oposición democrática”, salienta Martins Guerreiro, quen nese senso pon o acento nos “valores éticos e morais moi fortes” que ao seu xuízo definían aos militares promotores do 25 de abril e que “non tiñan como motivación asumir o poder, senón respectar as decisións populares e instaurar a democracia”. 

“A revolución portuguesa ten orixinalidades moi especiais”, recoñece Guerreiro, quen como un dos integrantes da dirección do MFA na Mariña tivo o 25 de abril a encomenda de facer público ese programa político do movemento. “Nós tampouco estabamos seguros da vitoria militar, na análise que facíamos puñamos ás cousas ao 50%-50%, porque o réxime tiña capacidade de resposta e de feito mobilizaron en Lisboa forzas suficientes como para neutralizar a iniciativa”, lembra un dos protagonistas do debate deste luns, que naquela xornada levou o programa ao xornal opositor República, onde saíu publicado integro ao día seguinte. “Se estivésemos perdendo e foramos acabar presos, que o programa político fose divulgado no país para continuar a resistencia e tamén difundido internacionalmente era fundamental”, sinala Guerreiro, quen no outro lado incide na importancia que debía ter a súa difusión, se o levantamento tiña éxito, “para mobilizar o pobo, aínda que felizmente o pobo xa estaba mobilizado”, de tal xeito que o que comezou como unha revolución militar “transformouse inmediatamente nunha revolución popular”.

Da concienciación previa ás inxerencias posteriores

Como membro da Mariña, Guerreiro pon o foco tamén na importancia do “proceso de concienciación política e de gañar a iniciativa cultural e a hexemonía cultural dentro da Mariña”, que abrangueu tanto ao persoal militar como ao civil e que comezaron a desenvolver catro anos antes da Revolución, impulsando unha “estrutura política clandestina de concienciación e formación”, desde a que impulsaron debates ou publicacións clandestinas. “Na Mariña existía un clima liberal, a oposición ao réxime fascista era dominante”, lembra Guerreiro, quen recoñece como entre os que logo serían membros do MFA na Mariña existía unha oposición inicial a un “golpe de estado se non tiña detrás un programa político”. Do mesmo xeito, este militar retirado tamén lembra as dificultades que, tralo 25 de abril, implicou “a importante influencia externa”, por parte de servizos segredos de países como os Estados Unidos. “Kissinger quería que Portugal se convertese na vacina de Europa contra calquera avance revolucionario”, recoñece este militar, quen lembrou tamén o “importante apoio” que as socialdemocracias europeas brindaron ao Partido Socialista de Mario Soares, ao que beneficiou tamén engadiu, a “campaña de dinamización cultural” que o MFA levou a cabo despois do 25 de abril. 

“Mollar a pólvora” do exército

A influencia da Revolución dos Caraveis na transición española constitúe así mesmo outro dos eixos dun debate no que Xosé Fortes, un dos fundadores da Unión Militar Democrática (UMD), porá o foco en como o 25 de abril contribuí a que unha serie de militares “dixésemos aquí hai que facer algo”. Previamente, lembra, o golpe de Estado do xeneral Pinochet en Chile xa provocara un “ruptura, incluso de amizades, na oficialidade”, ao que logo se sumou o feito de que, a raíz do 25 de abril, desde a UMD se buscase “mollar a pólvora do exército para que non impedise a transición, xa que, se en vez de ser 200, tivésemos sido 5000, tampouco poderíamos ter feito ningún tipo de golpe, porque aquí houbo unha Guerra Civil e aquilo tería sido un baño de sangue”, conclúe.