DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os participantes terán tres visións diferentes do Sil

A Ribeira Sacra será o escenario do primeiro roteiro cultural do ano

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 08/01/2008

Trala anterior etapa entre as rías de Vigo e Pontevedra, os roteiros culturais volven á provincia de Ourense este sábado día 12, concretamente á Ribeira Sacra. A rota comezará en San Pedro de Rocas, a onde os participantes chegarán en autobús, e rematará coa visita cultural ao Mosteiro de Santa Cristina. Ao longo dos 20 quilómetros dos que consta o percorrido atravesaranse os pobos de Arcos, a zona da Virxe do Monte, Cachaldora, Vilouche e Castro, dende onde se descenderá ata Santa Cristina.
Dende a organización saliéntase a “preciosidade a nivel paisaxístico da etapa, que está feita para observar os Canóns do Sil dende tres niveis de altitude diferentes o que é espectacular se o tempo acompaña e remite a néboa”. A cota máxima de altitude, na Virxe do Monte, ofrécelle ao camiñante a primeira visión dos canóns. Dende Cachaldora aparece a segunda perspectiva e tralo descenso pola ladeira do Sil os participantes encóntranse a nivel do río.
O nivel de dificultade do percorrido é alto “porque o itinerario consta de diversos sendeiros irregulares e, nalgúns casos, bastante malos” comentan dende a organización, ao tempo que recalcan que “sempre se vai ao ritmo do máis lento, parando o que se teña que parar, máis despois dos excesos do Nadal”. O tempo da marcha está estimado en unhas cinco ou seis horas.

Información para os participantes

A inscrición está aberta a todos os interesados ata acadar as 55 prazas ofertadas e poderá formalizarse no Servizo de Deportes de calquera dos tres campus. O prezo de cada roteiro é de 8 euros para membros da comunidade universitaria e de 11 para os usuarios externos. Para os participantes habituais existen tarifas especiais de 59 euros para 9 roteiros e 70 euros para 11 pertencendo á Universidade e de 99 e 115 euros respectivamente para os alleos á comunidade universitaria. Ademais, por cada 3 roteiros, concederase un crédito de libre elección.
A saída dos participantes terá lugar dende o Edificio Politécnico ás 9:00 da mañá do sábado pero dende Vigo sairá un autobús ás 7:45 horas ata o campus ourensán. A volta está prevista ao mesmo punto ao redor das 17:00 horas e ás 18:00 horas á cidade olívica. Ao igual que en todas as anteriores rotas, é imprescindible acudir con todo o necesario para a xornada: comida e cantimplora, chuvasqueiro, roupa axeitada con muda e calzado cómodo. Dende a organización recomendan que neste caso as zapatillas de deporte sexan substituídas por botas ante a irregularidade dos camiños e o estado esvaradío do terreo mollado.

Os canóns do Sil, vindeira etapa

O próximo roteiro terá lugar o 26 de xaneiro e percorrerá o tramo de 18 quilómetros entre Os Peares e o mirador dos Canóns do Sil pasando polo Mosteiro de Santo Estevo de Rivas de Sil.