DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada de debate este xoves 30 na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Roberto Blanco Valdés e Luis Villares analizarán as restricións de dereitos fundamentais durante a pandemia

Debaterán se unha situación de emerxencia pode implicar unha limitación de liberdades

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Institucional
M. Del Río DUVI 28/09/2021

Limitacións de mobilidade, confinamentos, toques de queda, etc. A xestión da pandemia da covid-19, principalmente mentres estivo vixente o Estado de Alarma, implicou unha serie de restricións de dereitos fundamentais por razóns de saúde pública. Agora, pasados máis de catro meses dende que España puxo fin a esta situación excepcional, dende o eido do dereito consideran necesario analizar as decisións tomadas e as súas implicacións. Para facelo, este xoves a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acollerá a xornada Debates sobre as restricións de dereitos fundamentais en situacións de emerxencia sanitaria. A xestión da Covid-19, que contará coa participación de Roberto Blanco Valdés e Luis Villares. Esta actividade, está organizada no marco da Aula de Formación Legal do centro, e coordinada polos docentes Antonia Arias e Xosé M. Pacho. A finalidade, explican ambos, é “afondar nalgúns dos problemas que se suscitaron durante a situación de emerxencia sanitaria vivida no Estado, pola Covid-19, e na que as normas xurídicas e os dereitos fundamentais de toda a cidadanía entraron en xogo cunhas consecuencias que deben ser examinadas con rigorosidade nun sistema democrático”. Neste sentido, recalcan, “debemos reflexionar sobre se unha situación de emerxencia, da natureza que sexa, pode implicar unha limitación de dereitos e liberdades que afecten á cidadanía que ve comprometidos os seus dereitos e as súas liberdades consagradas na Constitución do Estado e nos diferentes tratados internacionais”.

A xornada está dirixida por unha banda a persoas vencelladas ao mundo do Dereito, como estudantado, profesorado e as diferentes profesións do mundo xurídico, pero tamén ao público en xeral, debido, como engaden Arias e Pacho “á actualidade do tema e a súa repercusión na práctica en aspectos como as limitacións á mobilidade, sancións, conflitos sociais, toque de queda, etc”.

O mundo académico e a práctica do dereito

Sobre a eleccións dos poñentes, Arias e Pacho explican que para abordar este debate é necesario “afrontar esta problemática dende a teoría e a práctica do dereito, por iso quixemos que estivese presente o mundo académico pero tamén o mundo da práctica do dereito”. Así, tras a apertura por parte do decano da facultade, Francisco Torres, o primeiro en intervir na xornada será Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago, que falará sobre os diferentes estados de excepcionalidade permitidos, pero fiscalizados e regulados no noso sistema xurídico. Por outra banda, explican, “como a actuación dos poderes públicos nestas situacións excepcionais deben ser, necesariamente, sometidas a control xurisdicional, ou sexa, que podemos contar cos diferentes xulgados e tribunais para non permitir que se restrinxan dereitos fundamentais, ou que se faga esquecendo o mandato constitucional de respecto ás liberdades, temos a sorte tamén de contar con Luis Villares, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”, que analizará a tutela xurisdicional dos dereitos en tempos de pandemia.

Con estas dúas conferencias, a idea é “construír o marco teórico para poder debater posteriormente sobre as restricións de dereitos, e se estas deben ser asumidas como norma ou como recurso excepción por parte dos poderes públicos e dos seus axentes de autoridade”. 

Inscrición, ata o 29 de setembro

A participación nesta sesión é libre e de balde ata completar a capacidade do salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Con todo, é precisa a inscrición previa, que se pode formalizar enviando un correo electrónico a decanatoxuridicas@uvigo.gal facendo constar o nome, apelidos e correo electrónico da/o asistente. O prazo remata o 29 de setembro.