DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na mesa redonda “O director e o actor. Encontros e desencontros”

Roberto Bodegas e Rosa Álvarez protagonizan un debate “de película”

Na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 13/11/2007

O director de cine, Roberto Bodegas, e a coñecida actriz, Rosa Álvarez, protagonizaron, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, unha mesa redonda na que se falou sobre o panorama dos actores e os directores na actualidade. Co nome “O director e o actor. Encontros e desencontros”, o debate cumpriu o seu obxectivo de que os alumnos teñan un contacto directo con actores reais e que poidan intercambiar as súas experiencias con eles.
“A Universidade é un lugar de formación e coñecemento onde se pode desenvolver o sentido crítico, por iso procuro invitar a profesionais de recoñecido prestixio que poidan ampliar a vosa mirada sobre o mundo que vos rodea e sobre a realidade da profesión para a que os estades a preparar”, explicou a coordinadora e profesora da Universidade, Mariana Carballal. “Os contidos teóricos, imprescindibles no mundo de hoxe e, sobre todo, o desenvolvemento da práctica teñen e deben complementarse coa transmisión e o coñecemento adquirido polos nosos mestres”, engadiu Mariana na presentación da mesa redonda.
Esta actividade, patrocinada polo Vicerreitorado de Extensión Cultural da Universidade de Vigo coa colaboración da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, contou coa presenza de alumnos da licenciatura en Comunicación Audiovisual e de Publicidade e Relacións Públicas impartidas pola Universidade de Vigo.

Os protagonistas

Don Roberto Bodegas é un director de cine coñecido por guionizar filmes como “Españoles en París” e “Vida adúltera” e dirixir películas como “Corazón de papel” e “Matar al Nani”. Ademais destaca por outros traballos para televisión como “Condenado a vivir” para TVE, no que relata a vida de Ramón Sampedro.
Dona Rosa Álvarez é unha actriz galega cunha ampla traxectoria en cine con filmes como “Trece badaladas” e “El regalo de Silvia”. Tamén é destacable o seu labor no teatro co Centro Dramático Galego e o Teatro do Malbarte, e compartiu experiencia de rodaxe con Roberto Bodegas na tv movie “Condenado a vivir”.