DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle un taller sobre estas ferramentas

Robótica, impresión 3D e e-téxtiles para achegarse ás novas linguaxes educativas

O obxectivo da iniciativa é contribuír a democratizar o seu uso

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • TIC
  • Cultura
DUVI Ourense 27/10/2020

Baixo o título Metodoloxías innovadoras e novas linguaxes. Robótica educativa, impresión 3D e e-téxtiles, o campus de Ourense acolle desde o pasado 19 de outubro e ata o 2 de novembro un taller que ten como finalidade achegar estas ferramentas á comunidade universitaria e contribuír así a “democratizar” o seu uso tanto no eido educativo como no do lecer.

A iniciativa forma parte da programación de obradoiros de extensión universitaria que este cuadrimestre se imparte no campus de Ourense. Con 22 horas de duración, as sesións celébranse de xeito presencial as tardes do luns e xoves na Facultade de Educación e Traballo Social, onde naceu por iniciativa de profesorado seu. O taller está dirixido por Almudena Alonso e María Ainoa Zabalza participando ademais como docentes o “maker” Miguel Gesteiro e a mestra e asesora de bibliotecas María Pousa. As dez prazas dispoñibles cubríronse e o perfil de participantes abrangue estudantes de Enxeñaría Informática e de Educación e mestres e mestras xa en exercicio. A idea de pór en marcha por primeira vez este obradoiro, apuntan as súas responsables, xurdiu ante a escaseza de actividades deste tipo e a convicción de que “é necesario máis movemento no que é robótica educativa, traballo de programación e deseño e impresión 3D”. Neste contexto, indican, “pareceunos interesante achegar estas novas linguaxes a diferentes colectivos da comunidade universitaria do campus e aplicalas a diferente ámbitos, tanto educativo como de lecer”.

Perder o medo

“O obradoiro pretende achegar novas formas de aprender, en ambientes formais e lúdicos, á comunidade universitaria”, explican as súas responsables. Trátase, apuntan, dunha oportunidade para reflexionar arredor das novas linguaxes e metodoloxías innovadoras, iniciándose as e os participantes na robótica educativa, no deseño e impresión 3D e nos e-téxtiles. A iniciativa, recalcan as súas coordinadoras, quere contribuír a democratizar este tipo de aprendizaxe, seguindo a filosofía da cultura “maker” e co compromiso de fomentar a accesibilidade a estas ferramentas. Así, detallan, a formación pretende abordar “as potencialidades e posibilidades educativas destas metodoloxías" a partir dun efoque fundamentalmente aplicado, chegando as e os participantes a deseñar e crear recursos coas diferentes técnicas explicadas, montando por exemplo cada asistente o seu propio robot Escornabot. “Achegarse a estas novas linguaxes é algo que a moita xente lle custa moito ao principio, polo medo inicial que supón o seu descoñecemento, pero logo ven que non era tan difícil e que é algo no que traballas moitas cousas de xeito transversal, desde o movemento á tecnoloxía”, sinalan desde a organización do obradoiro.

Ao longo das sesións, as e os participantes achéganse á robótica educativa e de xeito específico ao proxecto Escornabot que “naceu para democratizar e achegar a todo o mundo a robótica educativa”. Cun prezo e un nivel de programación accesibles para o público xeral, as responsables do obradoiro sinalan como durante o obradoiro as e os matriculados montan, programan e poñen en marcha o seu propio robot Escornabot. En deseño e impresión en 3D, engaden, o obradoiro fomenta no alumnado o coñecemento destas ferramentas para que “sexan autónomos e libres para utilizar os recursos e atender as súas propias necesidades”, apostando polo uso de material orgánico e a reciclaxe. Por último, no caso dos e-téxtiles desde a organización da actividade apuntan que no obradoiro as e os participantes coñecen como funciona unha pila, un led e un circuíto para poder realizar as súas propias maquetas. "O importante é que lle perdan o medo a estas ferramentas", subliñan por último as responsables da iniciativa.