DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O deportista da Escola Xadrez Pontevedra-UVigo representará a España na Copa do Mundo

Rubén Fernández proclámase subcampión de España de Xadrez sub16

Tamén acadou un bronce na modalidade de rápidas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 26/07/2021

Dobre medalla para Rubén Fernández nos Campionatos de España Sub16 de Xadrez, disputados na localidade granadina de Salobreña. O deportista da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo, vixente campión galego da categoría, proclamouse subcampión de España sub16, sumando un total de 7.5 puntos (sete vitorias, un empate e unha derrota). Ademais, acadou un bronce na modalidade de Xadrez Rápidas. Tras estes resultados, Rubén Fernández representará a España na Copa do Mundo, que se celebrará do 16 ao 20 de agosto.

“Rubén engrosa o seu palmarés con dúas novas medallas. Pese á súa mocidade é xa un dos xadrecistas galegos máis laureados de todos os tempos”, destacan desde a Escola Xadrez Pontevedra-UVigo lembrando como o deportista foi “o primeiro e único galego en gañar unha medalla nun mundial e o terceiro español en acadalo”, ademais de bronce no Campionato do Mundo Sub 14. Juan Manuel Martínez e Miguel Alonso completaron a expedición da Escola Xadrez Pontevedra na competición. O primeiro, vixente subcampión galego, rematou 14º na modalidade de rápidas e 47º no ritmo clásico. O segundo, debutante nun nacional, mellorou nun posto a súa clasificación de saída nas clásicas, 153º, e foi 99º no de rápidas.

Sobre o Campionato de España Sub16, no que participaron do 19 ao 24 de xullo 201 deportistas, desde a Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo indican que “unha temperá derrota na segunda rolda deixou a Rubén contra as cordas, sen marxe para máis erros. Unha presión que non foi suficiente para cortar a remontada do galego, ao que lle faltou unha ronda máis para dar caza ao mestre FIDE andaluz Yingrui Lin, campión de España con 8 puntos”. Sobre a participación no Campionato de España Sub16 Rápidas 2021, que se celebrou o 24 e 25, desde o club sinalan que “coma un calco do que acontecera no ritmo clásico, Rubén perdeu na segunda rolda. Unha inesperada derrota fronte á xogadora canaria Jimena Pérez”. Tras remontar acadou a puntuación do primeiro clasificado pero dado que os cinco primeiros deportistas remataron empatados a 7,5 puntos o sistema de desempate relegou a Rubén Fernández ao terceiro posto, por detrás do andaluz Bernardo Maestre, segundo, e do madrileño  Sebastián Reyes, campión”.