DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É unha iniciativa que permite á comunidade universitaria iniciarse no rugby

O rugby touch regresa aos campus de Vigo e Pontevedra no segundo cuadrimestre

Do 14 de febreiro ao 31 de maio os luns en Pontevedra e os mércores en Vigo de 14.30 a 16.00 h

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 08/02/2022

Como xa sucedera no primeiro cuadrimestre, os campus de Vigo e Pontevedra acollerán nos vindeiros meses cursos de iniciación do rugby destinados a toda a comunicade universitaria. Esta actividade, organizada polo Universidade de Vigo Rugby Club en colaboración coa Área de Benestar, Saúde e Deporte, trata de dar a coñecer este deporte e disipar algúns prexuízos que aínda o seguen acompañando. Para isto, a organización optou pola modalidade de rugby touch, unha variante deste deporte que se xoga sen contacto e adoita empregarse a modo de quentamento para evitar que os xogadores poidan sufrir ningún tipo de lesión previa aos partidos. 

Os luns en Pontevedra e os mércores en Vigo

A actividade está aberta a todos os membros da comunidade universitaria e os adestramentos serán en Pontevedra os luns de 14.30 a 16.00 h no campo da Xunqueira e en Vigo os mércores co mesmo horario no campo de herba artificial, dende o próximo 14 de febreiro ata o 31 de maio. Durante estes adestramentos, as persoas participantes aprenderán a pasar o oval, a moverse no campo, ocupar os espazos e atacalos, así como as diferentes patadas, as estratexias de defensa e as regras e normas do deporte. A actividade finalizará cun torneo no campus de Vigo onde participarán os equipos de cada campus. 

Como explican dende a organización, a finalidade última é promocionar o rugby entre a comunidade universitaria e así captar xogadoras e xogadores universitarios para os equipos de rugby das cidades de cada campus. Ademais, esta iniciativa “é unha porta de entrada a un proxecto máis ambicioso de ligas intercentros de rugby seven, outra modalidade do rugby que ademais é deporte olímpico”, explican.

A participación nesta iniciativa recoñecerase con ata 15 h ECTS e a inscrición é de balde.

20 persoas no primeiro cuadrimestre

A primeira parte desta actividade desenvolveuse no primeiro cuadrimestre, e nela participaron arredor dunha vintena de persoas. No campus de Pontevedra foi onde tivo mellor acollida, cun grupo de entre 12 e 14 persoas en cada adestramento, das que boa parte están interesadas en continuar adestrando regularmente. No campus de Vigo houbo unha menor acollida, entre 5 e 7 persoas, que tamén estarían interesadas en seguir adestrando, pero dende a organización apostan por aliarse coas e cos xogadores do Universidade de Vigo Rugby Club para “coordinar un adestramento que permita ir sumando máis universitarios e universitarias ao grupo”.