DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nuns percorridos guiados nos que participan os IES A Xunqueira II, Valle Inclán e Luís Seoane

A ruta do arboreto recibe a visita de máis de 300 estudantes da ESO e bacharelato

A actividade busca contribuír á súa formación e concienciación ambiental

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 24/05/2022

Conformado por máis de 350 exemplares, pertencentes a 54 especies e 28 familias, o arboreto do campus conta desde 2019 coa súa propia ruta, un percorrido de preto de dos quilómetros que permite ir contemplando amieiros, freixos, bidueiros, magnolios, castiñeiros ou acivros, á vez que se obtén maior información dos diferentes exemplares, que se atopan xeolocalizados nunha base de datos. Ese mesmo ano, puxéronse en marcha por primeira vez, no marco das actividades do proxecto Green Campus, unha serie de visitas guiadas dirixidas ao alumnado dos institutos pontevedreses que neste mes de maio se levan a cabo por terceira vez, coa participación de máis de 300 estudantes. Un total de 15 grupos de alumnado dos institutos A Xunqueira II, Valle Inclán e Luís Seoane participan nestas semanas nunha actividade “que nos conecta coa sociedade, con estudantes e profesores da nosa contorna”, como salienta o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto.

Como guías nesta serie de percorridos polo arboreto exercen dous estudantes da Escola de Enxeñaría Forestal, Antía Ares e Carlos Peco, bolseiros da Oficina de Medio Ambiente (OMA) e do Green Campus, respectivamente. “Pretendemos que o alumnado se achegue máis á natureza, que poñan en valor o que teñen ao redor”, salientan estes alumnos, que centran o percorrido nunha vintena de árbores “que parecéronnos as de maior interese” para o alumnado de secundaria.

Educación e concienciación

Deste xeito, as e os participantes poden coñecer especies como o Ginkgo biloba, unha das máis antigas do mundo, a chamada “árbore do amor” (Cercis siliguastrum), o cedro do Himalaia ou a denominada “árbore da vida” (Pawlonia tormentosa), xunto con carballos, cerdeiras, oliveiras ou moreiras, entre outras. Á información máis significativa de cada especie, Ares e Peco suman algunha curiosidade relativa a estas árbores e abordan os seus usos máis habituais. Así mesmo buscan tamén achegar ao alumnado información xeral sobre aspectos como “os métodos de estimación da idade dos individuos”, á vez que lles trasladan diferentes cuestións que lles levan “a buscar as características diferenciais de cada especie”, apuntan. Nese senso, Souto destaca que ademais da “conexión coa cidade”, esta é unha actividade que contribúe tanto a concienciación ambiental do estudantado como á súa propia formación respecto de “cuestións fundamentais sobre as árbores e as plantas”. 

Ao mesmo tempo, esta iniciativa supón para os estudantes universitarios unha oportunidade tanto de ampliar os seus coñecementos sobre botánica, como de enfrontarse a feito de ter que expoñelos publicamente. A actividade, lembran nese senso, implica non só ter esa capacidade de explicación, “senón tamén atopar a forma de atraer e manter a atención do grupo”.

As visitas súmanse a Pontenciencia

Esta serie de visitas arrancou, a comezos de maio coas visitas dos primeiros grupos de estudantes de 1º da ESO dos institutos A Xunqueira II e Valle-Inclán, que participaron nesta serie de percorridos con sete e catro grupos, respectivament, de preto de 25 alumnos. Xa na presente semana, o arboreto recibe a visita de catro grupos de 1º da ESO do IES Luís Seoane e dun de primeiro de bacharelato. Así mesmo, este percorrido pola ruta do arboreto insírese neste 2022 no programa de actividades de Pontenciencia, que o venres e sábado desenvolverá a súa Feira da Miniciencia na Escola de Enxeñaría Forestal e que inclúe no seu programa dúas visitas máis á ruta do arboreto.