DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O sábado 17 de febreiro celebrarase unha nova andaina universitaria

De ruta pola estación de esquí de Manzaneda

Arredor de 60 persoas procedentes dos tres campus participarán na cita

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • Ourense
  • Visitas
DUVI 15/02/2018

Cunha dificultade media-alta, os participantes, procedentes dos tes campus da Universidade de Vigo, realizarán un percorrido “curto pero profundo” de dez quilómetros, que se adaptará en función das condicións meteorolóxicas. “Se en Montederramo tivemos neve esta vez teremos máis neve aínda. Ascenderemos a unha cota de case 1800 metros sobre o nivel do mar e os participantes poderán gozar dun día nunha estación de esquí como é a de Manzaneda”, comenta José García Calvo, Willy, coordinador dos roteiros universitarios desde o campus de Ourense.

Tras esta andaina, os roteiros culturais da Universidade de Vigo continuarán o ciclo de montaña o 3 de marzo na Serra do Candán, en Pontevedra. “A diferenza de Montederramo e Manzaneda, nesta andaina xa non haberá neve, será unha ruta exclusivamente de montaña”, comenta José García-Calvo. Despois deste ciclo, sinala, a programación aproveitará a primavera para achegarse a zonas máis costeiras, tendo ademais en conta a participación nas andainas de persoas procedentes dos campus de Pontevedra e Vigo.

Equipamento axeitado

Atendendo ao tipo de percorrido que se realizará, desde a organización consideran fundamental atender ás recomendacións de equipamento axeitado para unha estación de esquí con neve. Deste xeito, recalcan, é “case obrigatorio” levar bastóns con rosetóns grandes e se convida ás persoas que teñan raquetas para andar na neve a que as traian. “Pode ser unha boa oportunidade de darlle uso”, comenta García-Calvo. “Insistimos nas recomendacións e na importancia de levar o equipamento axeitado, aínda que as persoas que se soen apuntar a estas andainas xa teñen unha cultura no tema e saben o que teñen que levar”, indica por último o coordinador das rutas culturais.

A inscrición en cada roteiro pode facerse on line desde 15 días antes da súa celebración e ata o xoves anterior. O prezo dunha ruta individual é de 12 euros para os membros da comunidade universitaria e 18 para as persoas alleas a ela, existindo ademais diferentes bonos. Concederanse 7,5 horas ECTS por cada ruta dun día de duración e 15 horas pola de dous días de duración. Os participantes contarán con autobuses que os trasladarán ao inicio de cada ruta desde os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.