DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está deseñada polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio

Unha ruta interpretativa permite coñecer o xacemento de San Salvador de Todea en Allariz

A iniciativa forma parte do Proxecto Sancti Salvatoris que se desenvolve desde 2016 neste enclave

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 17/07/2019

Membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo acaban de rematar o deseño e sinalización dunha ruta interpretativa do xacemento medieval de San Salvador de Todea, composto por un castelo de fundación alto medieval e unha necrópole escavada na rocha situados a escasos metros da aldea de San Salvador dos Penedos, no Concello de Allariz.

A iniciativa forma parte do Proxecto Sancti Salvatoris que desde o ano 2016 desenvolven membros do Geaat con financiamento da convocatoria para proxecto de investigación da Vicerreitoría do Campus de Ourense Inou, que conta co apoio da Deputación de Ourense. Baixo a dirección dos arqueólogos Adolfo Fernández e Patricia Valle e coa colaboración do Concello de Allariz, o proxecto pretende estudar e valorizar este enclave. Grazas ás tres intervencións sucesivas de escavación e restauro realizadas e a posta en marcha deste roteiro, indican desde o grupo de investigación, “agora pódese visitar o xacemento seguindo un percorrido interpretativo que parte da aldea de San Salvador e visita os restos do castelo de Todea, a súa necrópole altomedieval asociada e outros elementos naturais e paisaxísticos, como a fonte do Ouver”.

Paneis e recreación

Ao longo do percorrido, de trazado circular e de algo máis dunha hora de duración, as e os visitantes poden informarse da historia do xacemento e do proxecto grazas aos paneis informativos colocados polo Geaat. Para facilitar esta ruta, o acceso ao castelo tamén foi adaptado mediante a construción dunha escalinata que permite chegar ata o seu cumio e gozar desde alí dunha vista panorámica sobre o val do Arnoia. Para a sinalización da ruta, o Geaat encargou a Iago Araújo un debuxo que recrea o castelo de Todea no século XIV. “A recreación fíxose en base á planimetría orixinal e ao seu emprazamento, é dicir, con rigor científico”, comenta Adolfo Fernández.

No castelo, engaden os arqueólogos do campus de Ourense, “os visitantes poderán coñecer a estrutura dunha pequena fortificación medieval que controlaba o paso desde a Limia ata Allariz polo camiño que viña desde Portugal”. Especialmente significativa é, apuntan, “a súa porta norte feita en grandes sillares, a porta sur escavada nos penedos e os restos dun torreón cadrado na parte máis elevada”. No marco do proxecto, lembran os seus responsables, realizouse unha secuencia completa da ocupación do castelo, que se prolonga desde o século IX ata os inicios do século XV, “cando parece que é abandonado e incendiado”. Moita da pedra deste castelo, engaden, parece que foi utilizada nas construcións da aldea de San Salvador, especialmente na súa igrexa. “O castelo de San Salvador de Todea é un xacemento moi interesante. É un dos típicos castelos galegos pequenos dos que non sabemos case nada porque case non hai ningún escavado. Este proxecto achéganos a como funcionaban estes pequenos castelos na Galicia medieval, a cal era a súa estrutura, que funcións tiñan, etc”, lembra Adolfo Fernández.