DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O percorrido terá lugar o sábado 10 de novembro

A Ruta da Pedra e da Auga, próximo destino das andainas universitarias

Poden inscribirse membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 07/11/2018

O sábado 10 de novembro a programación de rutas culturais do curso 2018/2019, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, celebrará a súa segunda andaina. Será un percorrido ampliado da Ruta da Pedra e da Auga polo Concello de Meis, en Pontevedra, ao que poden inscribirse membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela.

Cunha dificultade media-baixa e 17 quilómetros de itinerario, a ruta partirá do mosteiro de Armenteira e ao longo do seu percorrido faranse diferentes paradas interpretativas para coñecer o patrimonio do municipio, como os muíños do río San Martiño ou San Salvador de Meis. Desta ruta José García-Calvo, Willy, coordinador das andainas universitarias desde o campus de Ourense, salienta como “o seu nome correspóndese exactamente co que é” e a súa boa sinalización. Coa presenza continua da auga e con numerosos muíños no traxecto, os primeiros dez quilómetros son por terreo chan. A partir do quilómetro dez, comenta o coordinador dos roteiros, as e os participantes na andaina universitaria subirán unha pequena pendente que os levará por unha paisaxe de bosque. “A ruta non ten dificultade. Estas dúas primeiras andainas son suaves, para que a xente vaia poñéndose en forma”, comenta José García-Calvo.    

Inscrición

A  inscrición, que se realiza por Internet, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada andaina pode inscribirse calquera persoa interesada. O prezo varía en función do tipo de usuario ou usuaria, oscilando entre os 8 euros co Abono Muver ata os 20 euros para persoas externas á comunidade universitaria. Existe tamén a posibilidade de adquirir bonos de cinco rutas a un prezo máis reducido aínda que estas persoas deberán inscribirse igualmente nas diferentes rutas ás que queiran asistir para confirmar a súa praza. Haberá autobuses para trasladar as persoas participantes ao inicio de cada ruta dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración ao alumnado universitario. As persoas participantes levarán a súa comida (bocadillos, froita, froitos secos, bebidas, etc.) e desde a organización sinalan que o equipo aconsellable para este tipo de rutas debe estar formado por mochila pequena con chuvasqueiro, paraugas, apósitos para as bochas, muda completa, navalla, cantimplora ou similar e, a partir do mes de marzo, viseira ou gorra.