DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha aplicación permítelles desde este mes optimizar desprazamentos, tempos e custes

A 'ruta perfecta' dos comerciais e distribuidores do Grupo Cuevas leva selo universitario

A iniciativa é un exemplo dos froitos da transferencia de coñecemento ao sector empresarial

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 30/11/2012

Nun grupo de distribución alimentaria como é o caso do Grupo Cuevas, a optimización das rutas que fan os seus comerciais e os seus vehículos de reparto é unha cuestión esencial para o éxito. Na busca dunha ferramenta que lles permitise aproveitar mellor o tempo e os custes de cada desprazamento e incrementar a satisfacción dos clientes, hai tres anos a empresa ourensá comezou co Grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración da Universidade de Vigo un proxecto de I+D que agora remata coa posta en marcha dunha aplicación que revoluciona a forma de traballar na área comercial e loxística de Cuevas. O obxectivo, que cada viaxe se faga seguindo sempre a “ruta perfecta”, o traxecto máis eficiente.

A aplicación, financiada no marco do Plan Galego de I+D+i INCITE, foi presentada este venres na sede da empresa por Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Artur Yuste, director xeral do Grupo Cuevas, e Víctor Lorenzo, director de Tecnoloxía do Grupo Cuevas, nun acto que foi aproveitado polas dúas entidades para destacar e recoñecer o traballo de cooperación que as une. “A nosa alianza co Grupo Cuevas é unha alianza firme e continua e un exemplo que representa moi ben o produtivo que é a relación universidade-empresa”, afirmou Salustiano Mato. Unha idea de “cooperación intelixente” tamén salientada por Artur Yuste, que subliñou como nos máis de doce anos que levan colaborando coa Universidade de Vigo “os proxectos levados a cabo, como o que hoxe presentamos, sempre nos deron bos resultados”.

Tres anos de investigación

Segundo explicou Víctor Lorenzo, o novo sistema está deseñado para planificar as rutas loxísticas e para optimizar as vendas e foi realizado co Grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, con Florentino Fernández e Juan Francisco Gálvez á cabeza. “A aplicación permite a cada comercial, no día a día, optimizar ao máximo as súas viaxes grazas a un algoritmo desenvolvido pola Universidade de Vigo. Ademais de indicarlle a quen debe visitar, para facer eficiente o desprazamento tamén lle indica o que ten que facer con cada cliente, como xestionar os pedidos”, subliñou. Para pór un exemplo, se unha tenda anula unha reunión a última hora, a aplicación vaille indicar ao comercial clientes potenciais que hai na zona, para que lles poida realizar unha visita, ou lle ofrece unha alternativa de traxecto.

Ademais da xestión comercial, o sistema tamén optimiza a distribución dos pedidos atendidos, a loxística, tendo en conta lugares de entrega, horas de recepción, etc. “Compracemos ao cliente cun servizo máis adaptado ás súas necesidades específicas e nós aforramos en quilómetros, tempo e gastos”, apuntou Lorenzo. “Nos tempos nos que estamos, cos prezos que teñen os combustibles e os recursos humanos, a eficiencia loxística para nós é fundamental”, advertiu Artur Yuste. Por este motivo, a saída “do forno” desta nova aplicación e a súa posta en marcha hai un mes é un motivo de especial satisfacción para os implicados, estando agora inmersos na muda que supón o seu uso nas diferentes áreas de traballo afectadas.

Un 40% máis de facturación con empresas

“Este proxecto é un exemplo de como nas universidades solucionamos problemas ás empresas”, engadiu o reitor da Universidade de Vigo. Salustiano Mato fixo fincapé na súa intervención en como a colaboración coas empresas permite abrir oportunidades ao talento que sae cada ano das universidades e á investigación que se realiza nos campus. Así, explicou, no curso 2009/2010 realizaron prácticas preprofesionais nalgunha das 1000 empresas que teñen convenio coa Universidade de Vigo arredor do 80% dos egresados. Ademais, dixo, en 2011 incrementouse un 40% a facturación de contratos da Universidade con empresas. “A pesar da crise seguimos medrando e iso é moi significativo”, advertiu.

Neste senso, Artur Yuste destacou que as pequenas e medianas empresas deberían apoiarse máis na universidade, que ten un gran papel por diante para “que unirnos, formarnos, fortalecernos e implicarnos”, asegurou. “Estamos obrigados á innovación constante porque é o único xeito de ser útiles á sociedade. A crise non debe ser unha crise de iniciativas, de ideas. O mérito está en seguir intentándoo, formándonos, continuar dentro do mercado e trabando alianzas coa educación superior”, subliñou.