DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina celebrarase o sábado 5 de novembro

A Ruta Romana do Viño, segundo destino para os roteiros culturais da UVigo

A inscrición está aberta á comunidade universitaria, que ten preferencia, e á cidadanía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 31/10/2022

Despois de arrancar o pasado 25 de outubro a súa actividade, as rutas culturais da Universidade de Vigo continúan o sábado 5 de novembro a súa programación. Será coa realización da Ruta Romana do Viño, de Larouco (Ourense). A inscrición está aberta á comunidade universitaria, que ten preferencia, e á cidadanía en xeral.

A programación, organizada pola Área de Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo, arrancou o pasado 25 de outubro coa Ruta Foz do Lima, Cabedelo e Ribeira de Anha (Viana do Castelo, Portugal). Cunha dificultade baixa e 17 quilómetros de distancia, as 95 persoas participantes, membros da comunidade universitaria e de fóra dela, realizaron un percorrido ao pé da praia de Cabedelo, entre a desembocadura do río Limia e o monumento natural local da Ribeira de Anha. José García-Calvo Willy, coordinador das rutas culturais desde o campus de Ourense, destaca deste arranque “a boa resposta das e dos participantes” a pesar do mal tempo reinante. “A xente tiña moitas gañas de andar”, apuntou.

Tras este inicio, a segunda das andainas deste curso académico será a Ruta Romana do Viño (Larouco, Ourense) o día 5 de novembro. Con 18 quilómetros de percorrido e dificultade media, preséntase como unha andaina “para saborear as tinguiduras mediterráneas das paisaxes de Larouco” pois, sinalan os responsables da actividade, “os antigos romanos xa souberon sacar desta terra o gran viño que aínda hoxe caracteriza o lugar, coas tradicionais covas escavadas no subsolo”. A actividade inclúe unha cata de viños. “Será unha andaina moi diferente á primeira, andaremos por unha paisaxe encantadora, de viñedos e montes. Eu creo que vai a gustar moito”, sinala García-Calvo.

Inscrición

A información de cada ruta e a inscrición realízase a través do Campus Activo da UVigo. Os prezos oscilan en función do colectivo de pertenza de cada persoa, habendo ademais a posibilidade de bonos. Está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á andaina permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. Para cada roteiro haberá autobuses que trasladen ás e aos participantes dende cada un dos tres campus da Universidade de Vigo (Vigo, Pontevedra e Ourense) ao inicio do percorrido e de regreso. Todos os itinerarios para GPS poderán descargarse, xunto coas fotografías de cada ruta e toda a información complementaria, no blog destes roteiros universitarios.

Máis oportunidades

Seguindo a programación de roteiros universitarios, o 26 de novembro terá lugar a Ruta Cabo Udra (Bueu, Pontevedra), de dificultade tamén baixa e 18 quilómetros de percorrido. Trátase, explican desde a organización, dun itinerario “na ría de Aldán para descubrir un dos litorais máis fermosos de Galicia ata unha paisaxe recoñecida como lugar de interese comunitaria polos seus magníficos valores naturais”. Por último, o 17 de decembro celebrarase a cuarta andaina cultural deste cuadrimestre, que leva por nome Sicenata Pacata. Ruta do Castelo de Parada (Pereiro de Aguiar, Ourense). De dificultade media e 19 quilómetros, neste roteiro na entrada da Ribeira Sacra do Miño, “camiño polo que discorreron persoas e mercadorías dende hai miles de anos”, indican desde a súa organización, “cada pedra agocha unha mensaxe aínda sen descifrar”. A actividade inclúe iniciación á micoloxía e un magosto festivo ao rematar.