DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo da celebración neste 2022 do Ano Xacobeo

As rutas culturais achegaranse este cuadrimestre a cinco dos Camiños a Santiago

Están abertas á participación da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 20/01/2022

A programación de rutas culturais organizada neste segundo cuadrimestre pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo estará centrada na realización de tramos de cinco dos Camiños a Santiago de Compostela. Dese xeito, a institución académica únese á conmemoración neste ano 2022 do Ano Xacobeo e á promoción dos valores históricos, culturais, emocionais, etc. dos seus camiños.  

Este xoves a programación foi presentada no campus de Ourense. No acto, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, destacou que con ela “seguimos facendo camiño” nunha das actividades máis “lonxevas e exitosas” da Área de Benestar, Saúde e Deporte, como son os roteiros culturais. Pola súa banda, Alfonso Mandado, director da Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo, fixo fincapé en como na proposta presentada se aúna a aposta por gozar da natureza, especialmente tendo en conta a situación provocada pola covid-19, e a celebración do Ano Xacobeo. Pola súa banda, José García-Calvo, Willy, coordinador destas rutas desde o campus de Ourense, lembrou a longa tradición de vinculación entre estes roteiros universitarios e os Camiños a Santiago, apuntando como se fixeron tramos deles na programación dos anos 1999, 2004, 2010 e 2015.

As rutas culturais, lembrouse na súa presentación, é unha das actividades con máis bagaxe da Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo, que cada ano desde 1999 foi medrando ata ser un dos programas máis demandados tanto pola comunidade universitaria como por persoas alleas á mesma. Dando continuidade á súa actividade e filosofía, a programación deste segundo cuadrimestre propón a realización “duns itinerarios de gran riqueza cultural, natural e patrimonial, transportar a tempos ancestrais aos participantes, promover o coñecemento e custodia do patrimonio asociado á filosofía xacobea, entre algúns dos valores que o Camiño de Santiago supón”. Seguir unha ruta de peregrinación, lembran desde a organización das andainas universitarias, “supón sempre emprender un camiño á vez interior e exterior, un cúmulo de experiencias e saberes”.

Do Camiño Portugués pola Costa ao Camiño Fisterra-Muxía

Antonio Vázquez, técnico de Xeitura Coop., foi o encargado de explicar os detalles da programación, que arrancará o 29 de xaneiro descubrindo o Camiño Portugués pola Costa, na provincia de Pontevedra. O itinerario partirá de Oia, con visita incluída ao seu conxunto monumental e monástico, e terá como destino a vila medieval de Baiona, nun percorrido de 18 quilómetros de dificultade fácil. O día 19 de febreiro será a quenda do Camiño da Geira e dos Arrieiros. Camiño Miñoto Ribeiro (provincia de Ourense). Trátase esta dunha ruta que conectaba as cidades de Braga e Santiago de Compostela cun trazado de 240 quilómetros. As e os participantes nesta andaina comezarán a ruta no núcleo de interese etnográfico de Pazos de Arenteiro e continuarán cara as nacentes do río Avia ata chegar a Beariz, onde visitarán “unha das fortificacións máis espectaculares de Galicia”. Esta xornada estará marcada polos case 20 quilómetros dos que constará a etapa, que ten unha dificultade media.

O 12 de marzo unha nova andaina permitirá coñecer unha ruta bautizada co nome Camiño Augas Sacras, un percorrido que aproveita parte da calzada romana da Vía Nova. “As e os participantes descubrirán a fermosura da Ribeira Sacra, con inicio en Castro Caldelas e remate en Doade (Sober), no marco dunha etapa de dificultade media de 18 quilómetros”, explican desde a organización. Xa o 26 deste mesmo mes chegará a quenda do camiño de máis relevancia histórica, o Camiño Francés, “ruta na que conflúen a maioría de vías medievais de peregrinación europea”. A andaina arrancará “nunha das mellores obras de arquitectura civil de todo o percorrido dende Francia, a ponte sobre o río Furelos” e continuará polas Terras de Melide ata chegar a Arzúa, nun itinerario de dificultade baixa de 20 quilómetros entre O Leboreiro, Melide e Arzúa. A programación de rutas culturais rematará o 9 de abril, co Camiño Fisterra-Muxía. Partindo da vila coruñesa de Cee e pasando por Corcubión, as e os participantes chegarán a Fisterra despois de percorrer os 18 quilómetros que configuran esta etapa.

Unha “compostela” propia

Co obxectivo de dotar de maior dinamismo os distintos percorridos, desde a organización dos roteiros explican que“crearase unha acreditación ou credencial do peregrino das rutas culturais, xogando coa similitude coa compostela, que será repartida entre todas e todos os participantes. “Ir selándoa entre as distintas igrexas, hostais, tendas ou bares nos lugares designados ao efecto, roteiro tras roteiro, dará dereito a algunha sorpresa ao completar as cinco rutas do programa”, sinalan. Como en anteriores edicións, a inscrición en cada ruta estará aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior á súa celebración, podendo realizarse a través da páxina web do Campus Activo da UVigo. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada ruta permítese a inscrición de calquera persoa interesada. Os prezos oscilan segundo o tipo de público participante e o número de andainas realizadas.