DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está considerada unha das máis altas de Galicia

As rutas culturais achegaranse á fervenza das Hortas

O percorrido será o sábado 7 de marzo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 03/03/2020

A programación de rutas culturais que organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo continúa este sábado, 7 de marzo, coa celebración da oitava andaina deste curso académico. Nesta ocasión, o destino será a fervenza das Hortas, en Arzúa. No roteiro poden participar persoas procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo.

O percorrido, de carácter circular e dificultade baixa-media, constará de 17 quilómetros e seguirá o itinerario Gramil, Tronceda A Vella, A Igrexa, Tronceda A Nova e fervenza das Hortas. “A xoia da coroa da andaina é sen dúbida a fervenza”, apunta José García-Calvo, Willy, coordinador das rutas culturais desde o campus de Ourense. Esta fervenza está considerada un dos límites naturais entre os concellos de Arzúa e Touro e conta con dúas caídas de auga duns 30 metros de altura, ademais dunha lenda propia. Do roteiro, García-Calvo destaca ademais “a paisaxe de prados, horizontes largos e gandería” que  poderán ver as persoa que se apunten á andaina.

Inscrición en liña

A inscrición en liña en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada roteiro ábrese a inscrición a calquera persoa interesada. Os prezos de matrícula oscilan segundo o tipo de colectivo de pertenza, existindo a posibilidade de adquirir bonos. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración e haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada itinerario dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.