DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina terá lugar o sábado 29 de xaneiro

As rutas culturais comezan o ano realizando un tramo do Camiño Portugués pola costa

Está aberta á inscrición da comunidade universitaria e de persoas alleas a ela

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 25/01/2022

Coincidindo coa conmemoración de 2022 como Ano Xacobeo, a programación de rutas culturais organizada neste segundo cuadrimestre pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo estará centrada na realización de tramos de cinco dos Camiños a Santiago de Compostela. O primeiro deles terá lugar este sábado, 29 de xaneiro, e consistirá na realización de parte do Camiño Portugués pola costa. Con 80 prazas dispoñibles para os tres campus da institución académica, na inscrición teñen prioridade os membros da comunidade universitaria pero tamén está aberta ás persoas alleas a ela.

“Iniciamos a peregrinación a Santiago de Compostela aos pés do océano Atlántico, ao carón do fermoso mosteiro de Santa María de Oia. Dende este punto gozaremos dun camiñar tranquilo entre cantís ata chegar á vila medieval de Baiona, un pobo acolledor que nos permitirá poñer un pé nas Américas”, comenta sobre a ruta desde a organización dos roteiros. Cunha dificultade baixa e 18,6 quilómetros de percorrido, a andaina seguirá o traxecto Santa María de Oia, Mougás e Baiona. As previsións, sinalan desde a organización, “apuntan a que teremos un día fantástico para a práctica do sendeirismo, con sol e temperaturas moi agradables”. Co obxectivo de dotar de maior dinamismo as andainas, as e os participantes en cada unha delas terán unha acreditación ou credencial do peregrino das rutas culturais (xogando coa similitude coa compostela), que irán selando en distintas igrexas, hostais, tendas ou bares designados pola organización.

Inscrición

A inscrición, a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á celebración da andaina permítese a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo varía en función do colectivo de pertenza e cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Todos os itinerarios para GPS poderán descargarse, xunto coas fotografías de cada ruta e toda a información complementaria necesaria, na páxina web das rutas culturais. Haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada andaina dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.