A andaina terá lugar o sábado 14 de decembro
As rutas culturais pecharán a programación deste ano cun percorrido por Nogueira de Ramuín
Poden inscribir persoas da comunidade universitaria e de fóra dela
A programación de rutas culturais deste 2024 da Universidade de Vigo, organizada pola súa Área de Benestar, Saúde e Deporte, chega ao seu fin. A andaina de peche terá lugar este sábado, 14 de decembro, cun percorrido polo concello ourensán de Nogueira de Ramuín, na Ribeira Sacra, e un magosto. Á actividade pode inscribir, ata esgotamento de prazas, persoas da comunidade universitaria e de fóra dela.
Segundo explican desde a organización, a Ruta 04. Sendeirismo Saudable: Nogueira de Ramuín (Ribeira Sacra) consistirá nun percorrido case circular, de 15 quilómetros e de dificultade media-baixa. Partirá de Armariz e rematará en Montecelo. O roteiro terá “un enfoque de benestar físico e mental, combinando exercicio ao aire libre con talleres de micoloxía e un fin de festa co noso tradicional magosto”. A andaina discorrerá por unha paisaxe de castaños e carballos no que as persoas participantes recollerán cogomelos de monte que logo aprenderán a identificar nunha sesión que terá lugar ao remate do percorrido no local da Asociación Micolóxica Os Cogordos.
Inscrición en liña
A inscrición en cada ruta cultural, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada ruta permítese a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo depende do colectivo de pertenza en relación coa Universidade de Vigo, estando abertas á participación de persoas alleas a ela. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Haberá autobús para desprazarse á andaina desde cada un dos tres campus da UVigo (Ourense, Vigo e Pontevedra).
Con este percorrido rematará a programación de andainas culturais deste primeiro cuadrimestre da Universidade de Vigo, que arrancou o pasado 26 de outubro, baixo o título Roteiro de Praias de Portugal (Caminha-Portugal). Seguiulle o 9 de novembro o itinerario Cultura e Natureza (Montederramo-Macizo Central) e o día 30 do mesmo mes a ruta Camiño Patrimonial e Etnográfico (Silleda-Terras do Deza), destacando desde a organización a boa acollida de cada unha destas propostas entre o público, tanto entre a comunidade universitaria como a cidadanía en xeral.