DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina por Bande celebrarase o sábado 22 de marzo

As rutas culturais da UVigo arrancarán os actos conmemorativos do 50 aniversario da descuberta do xacemento de Aquis Querquennis

A inscrición está aberta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 18/03/2025

Este ano cómprense 50 anos do descubrimento do xacemento romano de Aquis Querquennis e as actividades conmemorativas deste aniversario arrancarán este sábado, 22 de marzo, coa celebración nese enclave dunha das rutas culturais da Universidade de Vigo. Coma en cada andaina, a inscrición está aberta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral.

A oitava andaina da programación de rutas culturais da UVigo, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, achegará ás persoas participantes “ao destino máis visitado do Parque Natural Serra do Xurés” e “o campamento militar romano máis colosal de todo o noroeste da península ibérica, Aquis Querquennis”. O percorrido conta cunha distancia de 18 quilómetros e unha dificultade media, e nel as persoas inscritas tamén coñecerán o trazado do Camiño de San Rosendo, a igrexa de Santa Comba de Bande e as fermosas panorámicas do parque natural transfronteirizo.

Grazas á colaboración da Fundación Aquae Querquennae, as e os participantes poderán coñecer de primeira “man este magnífico monumento, a súa historia e relevancia”, lembrando desde a organización da actividade que Aquis Querquennis é o nome orixinal dun campamento militar romano que se estableceu hai dous mil anos no lugar para a construción da coñecida como Vía Nova, calzada que comunicaba Braga con Astorga. O xacemento está declarado Ben de Interese Cultural. Será, indican desde a organización, “unha ruta para dar a benvida á primavera gozando da natureza e o patrimonio a partes iguais”.  

Inscrición en liña

A inscrición en cada ruta cultural, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada ruta permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo depende do colectivo de pertenza en relación coa Universidade de Vigo, estando abertas á participación de persoas alleas a ela. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Hai autobuses para trasladar ás persoas participantes desde os tres campus da UVigo. Desde a organización da actividade animan á participación ao público interesado, subliñando non só a oportunidade que dan estes roteiros de coñecer Galicia e a súa contorna, senón polo “bo ambiente que teñen e que fai sentir moi cómodas a todas as persoas que veñen con nós”.

Tras este roteiro, a penúltima andaina universitaria, o 5 de abril, terá como escenario as Fragas do Eume, o “bosque atlántico mellor conservado de Europa”, e o Mosteiro de Caaveiro. Por último, para pechar a programación de rutas culturais do curso 2024/2025, a UVigo propón a realización dunha nova etapa do Camiño dos Faros, concretamente a que vai de Arou a Cabo Vilán, en Camariñas, o día 26 de abril.