DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este cuadrimestre haberá sete roteiros desde o 21 de xaneiro ata o 13 de maio

As rutas culturais da UVigo volven “máis viaxeiras que nunca”

Pode participar a comunidade universitaria e a cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 12/01/2023

O ano 2023 xa está en marcha e un cuadrimestre máis volve a programación de rutas culturais da Universidade de Vigo, organizada pola súa Área de Benestar, Saúde e Deporte. Desde o 21 de xaneiro e ata o 13 de maio, desenvolveranse sete roteiros pola xeografía galega e portuguesa abertos á participación da comunidade universitaria pero tamén da cidadanía en xeral.

Na súa presentación este xoves, Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, subliñou que “as rutas culturais é unha das actividades con máis éxito da Universidade de Vigo”, destacando como a media de participantes en cada andaina estivo durante o primeiro cuadrimestre en arredor de 85 persoas. Do mesmo xeito, Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, sinalou que se trata “dunha actividade absolutamente emblemática e consolidada” que achega a Universidade á sociedade. Neste senso, José García-Calvo Willy, coordinador destas rutas culturais, lembrou que no primeiro cuadrimestre deste curso académico 2022/2023 participaron nas catro andainas organizadas un total de 350 persoas, o 73% membros da comunidade universitaria e o 27% persoas alleas a ela, maioritariamente (arredor dun 63%) mulleres e cun abano de idades moi amplo.

Antonio Vázquez, técnico de Xeitura, foi o encargado de presentar a programación de roteiros deste segundo cuadrimestre. Na súa intervención comentou que se tratan das “rutas culturais máis viaxeiras e máis internacionais” e lembrou que estas andainas universitarias “non son só camiñar, senón tamén cultura e patrimonio”. Na selección de percorridos, indicou, tívose en conta as suxestións feitas polos usuarios e usuarias deste servizo, apostan por propostas atractivas pero tamén asequibles por distancia xeográfica dos tres campus da UVigo e por extensión (entre 15 e 18 quilómetros) e dificultade.

De Catoira a Portugal

A programación arrancará o 21 de xaneiro cunha ruta por Catoira (Pontevedra) para coñecer o seu patrimonio natural e histórico e facer “unha incursión nas lendas das Torres do Oeste, chave e selo de Galicia”. A actividade continuará o día 4 de febreiro cunha andaina por Pitoes das Júnias, na Reserva da Biosfera Gerês-Xurés (Portugal), para coñecer “os valores naturais e culturais dun territorio que non entende de fronteiras”. A terceira parada dos roteiros deste cuadrimestre será en O Courel, concretamente en Vilamor-Froxán (Lugo), o día 25 de febreiro, e a cuarta achegará ás e aos participantes a Vilar de Barrio (Ourense), o día 18 de marzo, onde coñecerán “o mellor miradoiro para comprender as dimensións da extinta Lagoa de Antela” e o Monte do Castelo, un xacemento arqueolóxico “único en Galicia que supera as 15 hectáreas de extensión e os 2000 anos de antigüidade”.

O 15 de abril a programación continuará cunha peregrinación a Santo André de Teixido (A Coruña) que tomará como referencia a realizada en 1927 por Ben-Cho-Sey, Vicente Risco e Otero Pedrayo desde Ourense. Xa o día 29 de abril, ás e os usuarios das rutas culturais volverán á Costa da Morte para facer outro dos tramos do Camiño dos Faros (A Coruña), concretamente o que descorre entre Muxía e Touriñán. Por último e para pechar a actividade do curso 2022/2023, os roteiros regresarán aos Passadiços do Paiva, en Arouca (Portugal), o 13 de maio, para percorrer as súas pasarelas. Será a segunda vez que as andainas universitarias se acheguen a este enclave, participando na anterior visita 180 persoas.

Inscrición

As inscricións están abertas de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta no Campus Activo da UVigo. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á súa celebración permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo de cada roteiro oscila segundo o colectivo de pertenza e cada un recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada andaina dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo. Todos os itinerarios para GPS poderán descargarse, xunto coas fotografías de cada percorrido e toda a información complementaria, no blog das andainas.