DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina desenvolverase por Vilar de Barrio

As rutas universitarias achegaranse esta fin de semana á Limia

A inscrición está aberta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 15/03/2023

As rutas culturais da Universidade de Vigo, organizadas pola súa Área de Benestar, Saúde e Deporte, continúan este sábado, 18 de marzo, a súa programación. A cuarta andaina deste cuadrimestre e a oitava deste curso académico terá como destino a comarca da Limia, concretamente Vilar de Barrio. Unha vez máis a inscrición está aberta á comunidade universitaria pero tamén á cidadanía en xeral.

A Ruta Vilar de Barrio. Castro-Castelo de Bóveda (Ourense) consta de 17 quilómetros, cunha dificultade media-baixa, e fará o percorrido Parada, Porto-Alemparte, Arnuide, Seiró e Bóveda. “O mellor miradoiro para comprender as dimensións da extinta lagoa de Antela sitúase en Bóveda (Vilar de Barrio). Desde este punto podemos divisar unha extensión de máis de 20 quilómetros á redonda. Coa serra de San Mamede ás nosas costas, a nacente do río Limia, esta situación estratéxica entre os vales do Limia e Arnoia está vixiada polo monte do Castelo, un xacemento arqueolóxico único en Galicia que supera as 15 hectáreas de extensión e os 2000 anos de antigüidade”, explican desde a organización. Trátase, apunta José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros da UVigo desde o campus de Ourense, dun percorrido sinxelo e que se achegará a unha zona, A Limia, pouco visitada aínda polas rutas culturais universitarias. O percorrido inclúe paradas interpretativas a cargo de persoal especializado e unha visita teatralizada ao castro.

110 prazas

Hai dispoñibles en total 55 prazas para os campus de Vigo e Pontevedra e outras 55 para o campus de Ourense, habendo autobuses para trasladar ás persoas participantes dende os tres campus da UVigo. A inscrición en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior á súa celebración no Campus Activo da UVigo. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á andaina permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. As persoas menores de 16 anos que desexen participar nesta actividade irán sempre acompañadas dunha persoa adulta responsable e deberán poñerse en contacto coa organización para formalizar a súa inscrición.

O prezo de cada roteiro oscila segundo o colectivo de pertenza e cada un recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Todos os itinerarios para GPS poden descargarse, xunto coas fotografías de cada percorrido e toda a información complementaria, no blog das andainas. O equipo aconsellable para todas as rutas é, segundo indica desde a organización, mochila pequena con chuvasqueiro, paraugas, apósitos para as bochas, muda completa, navalla, cantimplora ou similar e, a partir do mes de marzo, viseira ou gorra. Para todas as andainas as persoas participantes levarán a súa comida (bocadillos, froita, froitos secos, bebidas, etc.).