DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A dobre titulación púxose en marcha en 2014 cunha das notas de acceso máis altas do SUG

Sae das aulas a primeira promoción de graduadas e graduados no dobre grao ADE-Dereito

Jorge Falagán rétaos a ocupar os altos cargos directivos das empresas e despachos profesionais

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 15/07/2019

36 novas e novos profesionais con formación propia do ámbito xurídico, empresarial e económico. Este venres celebrouse no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o acto de graduación da primeira promoción de graduadas e graduados no dobre grao en Administración e Dirección de Empresas e Dereito, unha titulación que botou a andar en 2014 en resposta á demanda que se pulsaba na propia cidade dun perfil de profesional altamente cualificado e capaz de traballar tanto no eido empresarial como no xurídico.

As novas tituladas e titulados estiveron arroupados, ademais de por familiares e amigos, polo reitor, Manuel Reigosa; o alcalde, Abel Caballero, e o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Jorge Falagán, quen lembrou que o perfil das persoas que se gradúan neste dobre grao “debe aspirar, antes ou despois, a ocupar os altos cargos directivos das empresas e despachos profesionais, así como, a integrar os altos corpos da administración pública”.

Emocionados e non sen algo de nervios, recibiron as súas bandas satisfeitos por ter superado con éxito un esixente programa de estudos de cinco cursos de duración e no que o número de créditos necesarios para superar o programa é de 360 créditos ECTS fronte aos 240 ECTS dun único grao. “Esa formación académica complementouse cunha educación especializada en habilidades brandas, tan demandadas hoxe en día polo mercado de traballo, grazas o labor altruísta da Fundación Mentor, e coa realización de prácticas, tanto no ámbito xurídico como empresarial”, explicou Falagán, quen estivo en todo o proceso de posta en marcha da titulación e quen exerceu como coordinador da titulación.

Ademais das autoridades, recibiron especiais palabras de cariño dos seus padriños, o presidenta da Fundación Mentor, Andrés Fernández Álvarez-Santullano, e dos profesores da Universidade de Vigo, Marta García Mosquera, da Área de Dereito Penal, e Xavier Martínez Cobas, de Economía Financeira e Contabilidade.