DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ESEI entregou o diploma aos seus 71 novos egresados

Sae á rúa a primeira promoción de enxeñeiros informáticos, técnicos e superiores, que poderá colexiarse

Os colexios oficiais galegos de ambos profesionais foron creados en decembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 22/05/2008

A Escola Superior de Enxeñaría Informática conta dende hoxe con 71 egresados máis despois de que un total de 59 alumnos da Enxeñaría Técnica Informática e outros 12 da Enxeñaría Superior recibiran o diploma que os acredita como titulados. O acto de graduación foi conducido polo presidente do Consello Social, Emilio Atrio, e a el acudiron o vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, o director da ESEI, Enrique Barreiro e o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, entre outras personalidades. Ademais, serviu para celebrar a recente constitución dos Colexios Profesionais, tanto dos enxeñeiros superiores como dos técnicos, que comezaron a súa andaina en decembro.
Francisco Javier Rodríguez foi o profesor escollido para apadriñar a promoción e por tanto, recaeu nel a responsabilidade de orientar aos alumnos nun futuro profesional “cara o que é normal que sintades medo porque estades ante o que podería chamarse a vosa segunda maioría de idade” e apuntou que “dende a Universidade tamén afrontamos unha etapa de grandes cambios que nos supón vertixe pero espero que dende onde traballedes nos axudedes a superala” dixo. Ademais animounos a loitar contra “o mileurismo, porque aínda que comezaredes dende abaixo, tendes que facervos valer como enxeñeiros que sodes” e agardou que moitos dos egresados “teñan a valentía para buscar unha idea e converterse en emprendedores, que non en empresarios”.
Pola súa banda, Enrique Barreiro felicitou aos novos titulados pero sobre todo ás orgullosas familias que “ven como o seu apoio e esforzo económico dá os seus froitos e que xa non tedes a cara de susto que todo alumno de primeiro leva de serie, senón que sodes profesionais e estades capacitados para gañarvos a vida” explicou. Recordou ademais aos graduados que o privilexio de poder ir á universidade “non o tiveron moitos dos vosos pais, que foron os que construíron esta sociedade da que agora os beneficiades, polo que non esquezades darlles as grazas” dixo. Para finalizar a súa intervención pediulles “que fuxades do conformismo e que cuestionedes todo. E sobre todo que leades moito e de todo”.

Os primeiros titulados que poderán colexiarse

Pero o título universitario non é o único privilexio ao que terán acceso os xa antigos alumnos da ESEI, que ademais terán a oportunidade de ser a primeira promoción de Galicia de enxeñeiros técnicos e superiores informáticos que poderán inscribirse nos seus respectivos colexios oficiais. Fernando Súarez, presidente do Colexio de Enxeñeiros de Informática explicou que “a vosa excelente formación ten que levar consigo a responsabilidade de prestixiar a nosa profesión, tarefa para a que naceu o Colexio” dixo. Pese a ser unha das carreiras con máis saídas profesionais, tamén ten que loitar contra os baixos salarios, o intrusismo e a falta de recoñecemento social, outro dos obxectivos do citado organismo que ademais “traballará duro para que Galicia dea o salto tecnolóxico que necesita na implantación das TIC, que marcan hoxe en día, o grao de desenvolvemento dunha sociedade” explicou.
Na mesma liña, Édgar Rodríguez, vogal do Colexio de Enxeñeiros Técnicos, comentou que “fronte ao medo que tendes ao rematar a carreira, tendes a sorte de ser a primeira promoción que non está soa, xa que dende o Colexio traballamos para ampararvos” e por tanto apelou a que se faga unha achega ao organismo “aínda que só sexa para colexiarvos, pero ogallá que participedes activamente” concluíu.