Con obra do Equipo Foco, formado por Xavier Riomao e Manolo Figueiras
A Sala Alterarte arranca a súa programación deste curso coa exposición 'A arte da guerra/A guerra da arte (56)'
Pode visitarse no pavillón I do campus ata o 22 de novembro
A arte da guerra/A guerra da arte (56). Esta exposición do Equipo Foco, formado polos artistas Xavier Riomao e Manolo Figueiras e comisariada por Marita Carmona, é a elixida para arrancar a programación deste curso académico da Sala Alterarte, o espazo expositivo de arte contemporánea do campus de Ourense.
O título da mostra parte do número actual de conflitos bélicos existentes, estimados polos artistas en arredor de 56. Segundo explica a comisaria da exposición, nela “o equipo Foco adéntrase no labirinto social máis primario e fundante: a andamiaxe da guerra, percorrendo a estrutura do poder, ao fin, a estrutura das sociedades en que vivimos”. Este percorrido, indica, realízase “sendo creadores indiferenciados, sendo arte e parte neste proxecto que teñen en común e que abrirá moitos camiños”. A arte da guerra/A guerra da arte (56) fala, tal e como indica Marita Carmona, “da inercia forte e contumaz que fará o poder, ou tentará facer, para neutralizar toda rebeldía, todo movemento que nos saque do taboleiro tratando de que asumamos as súas causas bélicas e canalicemos o odio, por eles cultivado, para facerse cun convencido soldado máis”.
Contradicións, inxustizas e inconsistencias da sociedade
A mostra articúlase arredor dunha obra central de gran tamaño, que xoga coa pintura A batalla de Anghiari, de Leonardo da Vinci, e a escultura de Marcel Duchamp A fonte, e complétase cunha serie de debuxos que atravesan os laterais da Sala Alterarte. A arte da guerra/A guerra da arte (56) recolle ademais obra poética de José Martín Carmona, entre ela A dor, que faremos coa dor, o derradeiro verso do poema A visita do doctor Valle da súa serie Inferno, transcrito en diversos idiomas.
Na obra exposta o Equipo Foco continúa desenvolvendo o obxectivo co que naceu en 2022 na cidade de Ourense, que é “realizar intervencións artísticas nas que dalgún xeito permanecen de manifesto as pequenas e grandes contradicións, inxustizas e inconsistencias que impregnan a existencia contemporánea”. Concibido como “un colectivo multidisciplinar participativo e aberto en función das características de cada proxecto”, este equipo pretende actuar como “lugar de encontro de camiñantes curiosos e como punto de referencia relacional para todas aquelas persoas que aínda se preguntan sobre a desgastada idea da arte”.
Aberta de balde ao público interesado, a exposición pode visitarse ata o 22 de novembro no pavillón I do campus. A proposta enmárcase no ciclo expositivo da Sala Alterarte Reciprocidade, posto en marcha o pasado curso académico.