Con obra de Locos con Certificado e comisariada por Marta García
A Sala Alterarte pecha o curso coa exposición ‘Libre de culpa’
Pode visitarse no pavillón I do campus ata o 11 de xullo
A Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, conta cunha nova exposición. Trátase de Libre de culpa, composta por obras dos membros do grupo Locos con Certificado e comisariada pola psicóloga e historiadora da arte Marta García. Tras ser inaugurada este xoves, pode visitarse de balde ata o día 11 de xullo no pavillón I.
Locos con Certificado, explica Marta García, “xorde de forma espontánea fai máis ou menos dous ou tres anos”, cando ela levou a cabo un proxecto de terapia a través da expresión artística libre no que participaron as persoas que agora forman parte deste grupo. No marco dese taller fixeron dúas exposicións, Primera chispa no Ollo Ledo e Escoitar cos ollos no Centro Cultural Marcos Valcarcel. Ao remate do proxecto, sinala, “quixemos manter o grupo que creáramos dun xeito tan especial e que significou tanto para nós”, nacendo Locos con Certificado. Con este nome, indica, quixeron facer “unha reivindicación da loucura, non entendida coma unha etiqueta estigmatizante e culpabilizadora, senón coma unha posición subxectiva ante a realidade do mundo no que vivimos, coma unha defensa”. Realizar a mostra agora exposta no campus supón para o grupo, tal e como explica a súa comisaria, “unha forma de rotomar ese espazo que creamos xuntos e unha oportunidade para envorcar todas as charlas mantidas neste tempo”.
A modo de instalación, Libre de culpa traslada ao visitante a unha capela, na que se pode ver unha ducia de cadros e outras pezas elaboradas en diferentes formatos e materiais, como caixas de madeira, e sen faltar elementos eclesiásticos típicos como un altar e un reclinatorio. Sobre a exposición, Marta García sinala que “reivindicar a loucura non é romantizala, senón devolverlle o seu lugar no corazón da condición humana. Non como enfermidade, patoloxía ou desviación, senón como unha forma radical de relación co desexo, co Outro e co real”. A loucura, engade a psicóloga, "debe ser pensada como unha forma de existencia, unha configuración subxectiva que xorde onde o lazo social se afrouxa ou desaparece. Cada loucura é unha linguaxe propia que debe ser descifrada, non silenciada".
Reciprocidade
Con esta exposición, a Sala Alterarte pecha a súa programación deste curso académico 2024/2025, onde desenvolveu o ciclo expositivo Reciprocidade baixo a dirección do artista e profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense Javier Blanco Sierra. Ao longo destes meses, acolleu catro mostras: A arte da guerra/A guerra da arte (56), do Equipo Foco; Retratos da paisaxe, de Enrique Ortiz; A pel. Epílogo, composta por Da aparencia á aparición, de Xabier Fernández, e Bestiario de femias, de Gabriela Rivera; e Pensamento construído, do escultor Enrique Conde. Deste periplo, o seu coordinador subliña a diversidade de propostas acollidas, cada unha delas “de distintas linguaxes, materias, tipoloxías artísticas... pois tivemos pintura, gravado, fotografía, escultura...”. En todo caso, do traballo feito este curso salienta de xeito especial que “estamos conseguindo abrir esta sala á cidadanía de Ourense e cada vez vén máis xente a ela”.