DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pode visitarse no pavillón I do campus ata o 24 de xullo

A Sala Alterarte pecha a súa programación deste curso cunha mostra do artista Xosé Poldras

A exposición recolle gravados deste creador pero tamén outro tipo de pezas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 22/05/2026

Baixo o título ...miña prenda, desde este xoves e ata o 24 de xullo, a Sala Alterarte acolle unha exposición do artista Xosé Poldras comisariada por Marta García. Con ela pecharase a programación deste curso académico do espazo expositivo do campus de Ourense. A mostra recolle principalmente gravados deste creador pero tamén dá entrada a outro tipo de pezas súas. 

O título da mostra parte da expresión “miña prenda” que lle dicía ao artista a súa avoa Adelaida. Segundo explica a comisaria na súa folla de sala, nesta mostra “o artista volve a mirada sobre o seu propio percorrido, para recoñecerse no camiño andado e abrirse ao que aínda está por chegar”. É, sinala Marta García, “a primeira mostra na que Xosé Poldras, dunha forma consciente e valente, tómase a si mesmo como referencia. Un leve pero decisivo xiro na súa posición subxectiva, onde a mirada deixa de situarse fóra para recoñecerse dentro, como parte do caudal que a conforma”.

No percorrido pola Sala Alterarte poden verse obras do artista como Os buratos do ceo, “que preséntase como unha travesía que acontece no tempo e no espazo, e convida a percorrela”; un “remuíño de gravados” en Especulando; e a Rosa dos alentos, na que “Xosé Poldras tómase así mesmo como territorio de referencia” e na que “a memoria ofrécese como unha dispersión de pegadas dos lugares habitados”. Non falta algunha pintura, como O salgueiro; algunha escultura, como A promesa, unha “figura de barro, entre o humano e o animal, máxico ou mitolóxico”, e ata algún caderno persoal de debuxo. 

Doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo, bolsa Erasmus de doutoramento en s`Hertogembosch e Maastrich, e licenciado pola Universidad de Salamanca, Xosé Poldras conta con diferentes galardóns, como 2º Premio Internacional no III Certame de Gravado Dinastía Vivanco, e unha dilatada traxectoria expositiva tanto individual, como a súa última retrospectiva no Pazo da Deputación de Ourense Aquel río, como colectiva. Con obra en diferentes coleccións de artes plásticas, como a Biblioteca Nacional de España, o artista conta cunha ampla experiencia tamén na realización de obradoiros que abranguen desde o debuxo e o gravado ata a poesía visual.