DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Centro de Investigacións Biomédicas recibiu un grupo de cinco estudantes da ITMO University

De San Petersburgo a Vigo para investigar no Cinbio

Van formar parte durante catro meses dos grupos TeamNanoTech, Materiais Magnéticos e SynBio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Emprender
  • Investigación
D. Besadío DUVI 23/02/2022

O Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, Cinbio, deu esta semana a benvida a un grupo de cinco estudantes de doutoramento da ITMO University da cidade rusa de San Petersburgo, que pasarán os vindeiros catro meses colaborando cos diferentes equipos de investigación instalados no centro. Despois dunha pequena reunión de traballo e unha visita completa ao centro de investigación, estes alumnos e alumnas coñeceron ao persoal dos distintos equipos cos que traballarán ao longo dos vindeiros meses. 

“Este tipo de iniciativas son para nós unha boa oportunidade para fomentar sinerxías con outros centros e institucións, para darnos a coñecer noutros países e tamén para a captación de talento internacional”, explica o director do Cinbio, Miguel Ángel Correa, ao que engade que para estas mozas e mozos investigadores esta experiencia supón “unha excelente maneira de enriquecer a súa formación”. Nikita Serov, Alina Lokteva, Anastasiia Kriuchkova, Daniil Kladko e Aliaksandra Falcheuskaya chegan a Vigo ao abeiro do acordo de colaboración 2020-2022 entre a Universidade de Vigo e a universidade de ITMO para cooperar no intercambio de estudantes e persoal docente e investigador no contexto do programa Erasmus+, cofinanciado pola Comisión Europea. “Esta non é a primeira vez que o centro participa nun programa destas características, en outras dúas ocasións tivemos convenios con Exipto, de feito aínda temos algún estudante de doutoramento deste programa, e tamén con Vietnam, aínda que debido á pandemia finalmente non puido vir ninguén”, engadiu Correa.

Xa incorporados a tres equipos de investigación do centro

A idea é que que estes estudantes rusos colaboren no día a día de diferentes equipos de investigación do Cinbio. O grupo TeamNanoTech, centrado no deseño e síntese de nanomateriais dirixidos ao desenvolvemento de aplicacións novidosas, así como a súa implementación en múltiples dispositivos, acollerá a varias destas investigadoras e investigadores. Nikita Serov traballará arredor do Machine Learning da man do investigador Lucas Vázquez Besteiro; Anastasiia Kriuchkova centrará a súa investigación arredor das fibras de araña e as nanopartículas, titorizada por Margarita Vázquez, e Aliaksandra Falcheuskaya traballará cos nanocatalizadores titorizada pola investigadora Begoña Puértolas.

Alina Lokteva estará nun proxecto que envolve bacterias e nanopartículas, no grupo liderado por Gustavo Bodelón, Synthetic Biology Group (SynBio), e Daniil Kladko traballará con nanopartículas magnéticas no grupo liderado por Verónica Salgueiriño, Materiais Magnéticos.