Nunha sesión celebrada este xoves de xeito telemático
Santiago Lago ingresa na Real Academia de Ciencias Económicas y Financieras
Cun discurso sobre o “deber pendente” da estabilidade fiscal en España
Santiago Lago, catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, ingresou este xoves pola tarde como académico de número da Real Academia de Ciencias Económicas y Financieras (RACEF). Fíxoo de xeito telemático debido ás restricións provocadas pola pandemia e cun discurso no que abordou a estabilidade fiscal en España, “un deber pendente do noso país”. Nas súas palabras salientou como este nomeamento supón “unha grande honra e un extraordinario recoñecemento”. O acto, de carácter solemne, estivo presidido por Jaime Gil, presidente da entidade.
Tras os agradecementos persoais e profesionais, no seu discurso de recepción Santiago Lago quixo “tratar de arroxar luz e axitar o debate” sobre un dos retos da economía española: a estabilidade fiscal. Sobre ela indicou como na súa opinión “non é un problema de leis” senón "unha cuestión de prioridades sociais e políticas, que acaba reflectíndose no marco institucional e nas estratexias dos gobernos”. Así, recalcou o catedrático da UVigo, “nin os cidadáns nin os seus representantes outorgan á estabilidade fiscal a relevancia que ten. Parece que só os estímulos externos, baixo a presión dos mercados financeiros ou das autoridades fiscais e monetarias europeas, fainos reaccionar e actuar, para volver a un estado de aparente indolencia en canto pasa a crise”. Porén, afirmou, “non son un falcón fiscal, ao contrario, defendo que a política fiscal é unha ferramenta poderosa á que non podemos nin debemos renunciar. Rexeito a dogma do déficit cero e creo sinceramente que existen áreas de gasto e servizos públicos que temos que reforzar financeiramente. Pero todo o anterior é compatible con ser fiscalmente responsable”.
Ao longo da súa intervención, o novo membro da RACEF abordou respecto á estabilidade fiscal o seu marco teórico e normativo; os datos de España, da evolución do déficit e a débeda pública neste século; e o impacto fiscal da covid-19 en España e en Europa, rematando co esbozo dunha folla de ruta para a consolidación orzamentaria estatal. “A pandemia acabarase e a normalidade retornará. As regras fiscais volverán estar vixentes, o Banco Central Europeo desactivará o programa de compras de emerxencia e os mercados financeiros volverán marcar ás economías máis desequilibradas. Entón, España atoparase cun avultado déficit e unha elevada débeda pública”, afirmou Lago. Neste contexto, salientou que “se queremos metabolizar os desequilibrios fiscais acumulados, cumprir cos compromisos que leva a pertenza á zona euro, recuperar capacidade fiscal para enfrontarse á próxima crise que nos azoute e vivir tranquilos ante unha (sempre latente) crise de débeda soberana, temos que bosquexar xa o camiño de volta á estabilidade fiscal, unha estabilidade cuxo obxectivo inmediato e simbólico debe ser eliminar a compoñente estrutural do déficit público”.
Catro mensaxes
O seu discurso incluíu catro mensaxes. A primeira delas que eliminar o déficit estrutural esixe unha combinación indeterminada de redución da ratio de gasto sobre o PIB ou de incremento da correspondente aos ingresos, fundamentalmente tributos. Así, indicou Santiago Lago, “se o acento se quere pór no lado dos ingresos, todo pasa por unha reforma fiscal que consiga, de forma simultánea, que o sistema sexa máis equitativo, eficiente e simple, aprendendo das numerosas experiencias internacionais de reforma recentes e en curso; que afronte as novas realidades da dixitalización, a globalización e o cambio climático; que reduza substancialmente gastos fiscais de todo tipo, que minguan recadación e conducen a subir os tipos nominais; e que axude a previr a fraude tributaria”. O catedrático amosou a súa convicción de que “é posible e desexable que partidos de esquerda e dereita se poñan de acordo nunha nova arquitectura tributaria en España, deixando a elección do goberno de quenda os tipos impositivos ou deducións a aplicar”.
A segunda mensaxe que quixo trasladar Santiago Lago foi que “hai que reiterar o déficit de avaliación de políticas públicas en España e da rendibilidade social do gasto” e a terceira que “na tarefa de definir un escenario quinquenal de consolidación baseado en sendas de gastos e ingresos compatibles e cribles é moi importante contar co soporte e aval da AIReF e o Banco de España”. Finalmente sinalou que nun estado descentralizado, a estabilidade fiscal presenta trazos diferenciais que deben ser tidos en conta. “A pesar do que ás veces se escoita, a evidencia empírica dispoñible non mostra que a descentralización conduza inevitablemente a maiores déficits. Ao contrario, unha maior descentralización pode ter un efecto positivo sobre o desempeño fiscal se o marco institucional está ben deseñado; isto é, se existe unha suficiente descentralización dos ingresos que evite grandes desequilibrios entre os dous lados do orzamento, e o marco de regras fiscais é o apropiado”, afirmou. O discurso do catedrático da UVigo foi respondido, en nome da RACEF, polo seu académico de número José Antonio Redondo.
Santiago Lago, ademais de catedrático da UVigo, dirixe o grupo de investigación Gen (Governance and Economics Research Network), con sede na Facultade de Cienicas Empresariais e Turismo do campus de Ourense, e é editor executivo da revista Hacienda Pública Española / Review of Public Economics. O profesor dirixe asemade a Red de Investigadores en Financiación Autonómica y Descentralización Financiera en España, o Foro Económico de Galicia e a Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo. É ademais investigador asociado do Institut d'Economia de Barcelona da Universitat de Barcelona e é colaborador da Fundación de Cajas de Ahorros (Funcas), entre outros méritos. A Real Academia de Ciencias Económicas y Financieras da que entra a formar parte é unha corporación oficial de carácter científico e técnico que ten por obxectivo a investigación, estudo e fomento das ciencias económicas e financeiras. Os seus académicos e académicas de número, entre os que Santiago Lago ten a medalla número 30, son elixidos “entre as persoas que se distingan polos seus coñecementos nas ramas da corporación”. Estes académicos constitúen o núcleo da entidade e deben, entre outras funcións, “contribuír ao progreso da ciencia”.