Profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte
Sara Domínguez Lloria, candidata de H2040 á Vicerreitoría do campus de Pontevedra
A candidatura de Belén Rubio dá a coñecer nestes días diferentes membros do seu equipo
A profesora da Área de Didáctica da Expresión Musical da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Sara Domínguez Lloria é a proposta para liderar a Vicerreitoría do campus de Pontevedra de H2040, a candidatura á Reitoría da Universidade de Vigo que encabeza a catedrática Belén Rubio. Doutora en Educación e titulada superior de Música na especialidade de piano, Domínguez Lloria conta con experiencia en xestión cultural e foi directora da Escola Municipal de Música de Santiago, destacan desde H2040, que comezou nestes días a dar a coñecer os membros do seu equipo antes do rexistro final da candidatura, o 17 de abril.
Domínguez Lloria incorporouse ao equipo de Rubio cun “perfil que une experiencia en educación, música, creación artística e xestión e que permiten contar cunha visión idónea para o liderado do campus”, destacaron desde a candidatura. Domínguez “cre firmemente no campus de Pontevedra como un espazo de oportunidade, de identidade propia e de proxección de futuro”, ao tempo que pon o foco na interdisciplinariedade dun campus que “debe seguir fortalecendo a súa visibilidade, a súa cohesión interna e a súa capacidade para xerar orgullo de pertenza”, destaca.
Para dar a coñecer á integrante do seu equipo e a súa proposta para o campus, H2040 difundiu un diálogo entre Domínguez Lloria e Rubio a través da súa canle de Youtube.
