DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Operouse un ano, ata o final da súa vida útil, e desde 2014 non se recibían transmisións

O satélite Humsat-D segue activo oito anos despois de ser lanzado ao espazo

O segundo satélite da Agrupación Aeroespacial da UVigo xa orbitou 44.707 veces a Terra 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 10/02/2022

O 21 de novembro de 2013, o foguete DNPER era lanzado desde o cosmódromo ruso de Yansy ao espazo, co satélite Humsat-D no seu interior. Desenvolvido ao abeiro do programa Basic Space Tecnology Initiative (BSTI) da Oficina de Espazo da ONU e co apoio da Oficina de educación da Axencia Espacial Europea (ESA) e do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), Humsat-D foi deseñado, construído e operado polos integrantes da Agrupación Aeroespacial da UVigo, coordinada polos docentes e investigadores Fernando Aguado e José Antonio Vilán. O segundo cubesat que estudantes e docentes da UVigo lanzaban ao espazo, logo da posta en órbita de Xatcobeo o 13 de febreiro de 2012, tiña prevista unha vida útil de seis meses, pero finalmente foi operado ata o final da súa vida útil, durante case un ano. “En 2014, durante un pase de comunicacións, os enxeñeiros encargados da operación do satélite, deixaron de recibir as retransmisión de Humsat-D. Na órbita seguinte, puidemos comprobar que o satélite volvía a transmitir en modo survival, pero o día seguinte deixou de responder aos comandos e non volveu transmitir”, rememora Fernando Aguado. Aínda que nos seguintes dous meses, e logo de xeito puntual, se intentou operar e contactar non se recibiron novas transmisións, razón pola que consideraron que “o satélite estaba non operativo”, unha circunstancia á que tamén contribuíu o feito de que durante 2014, en xeral, e nos días previos ao último contacto, en particular, se produciu unha actividade solar moi importante que pode afectar aos satélites, “o que se considerou como posible razón da interrupción da transmisión”, explica o docente e investigador do centro atlanTTic da UVigo.

Non obstante, sete anos e 44.707 órbitas á Terra despois da que se pensaba fora a súa derradeira transmisión, un radioafeccionado captaba hai uns días unha transmisión que resultou ser do satélite da UVigo. “Hai uns días, a través dun contacto que realizou un radioafeccionado mediante unha rede social a SpaceLab preguntando o estado de Humsat-D, puidemos confirmar que o satélite estaba activo. O sinal recibido é sen dúbida o de Humsat-D”, confirma Aguado, que detalla que se repite dúas balizas, unha codificada en morse, que indica que é o cubesat da UVigo, e que inclúe o voltaxe da batería, “que parece que se atopa a un bo nivel”; así como a temperatura do amplificador do sistema de comunicacións. Nestes últimos días o sinal de Humsat-D, que se atopa a unha altura de 615 quilómetros, foi recibido na estación que se atopa na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, e tamén por parte de numerosos radioafeccionados en todo o mundo, incluída a rede de seguimento de satélites que operan na banda de radioafeccionados Satnogs

Recibir transmisións oito anos despois do lanzamento “é totalmente inusual” 

Humsat-D foi creado co obxectivo de ser o demostrador dun servizo de comunicacións punto a punto en aberto na banda de radioafeccionados, que permitiu comprobar que en pequenos satélites era posible prover un servizo coñecido hoxe como Internet das Cousas (IoT), unha tecnoloxía que, mellorada, se incluiría nos satélites Serpens e Lume da Uvigo, e, cuxa transferencia, posteriormente se realizou á spin-off Alen Space, que actualmente a comercializa a nivel mundial. 

“Recibir transmisións oito anos despois do seu lanzamento é algo totalmente inusual neste tipo de satélites”, afirma categórico Fernando Aguado, que lembra que os fallos nas misións iniciais eran moi elevados, e entre os que funcionaban, se podía agardar unha vida media entre seis meses, con algúns casos, non habituais, de operacións durante catro ou cinco anos. “Os satélites como Humsat-D non inclúen redundancia e utilizan fundamentalmente compoñentes comerciais, e dependen tamén se se operan en máximo e mínimos solares, así como se se inclúe un shielding para minimizar a radiación”, explica Aguado, que sinala que a vida útil dos cubesats foi aumentando, respecto das primeiras misións. Tal é o caso o último satélite da UVigo, Lume, que segue a ser operado despois de dous anos e dous meses de ser lanzado, sen presentar ningún signo de degradación.

Recuperar a telemetría para saber que pasou

Unha vez restablecido o contacto con Humsat-D, os e as integrantes da Agrupación Aeroespacial están a traballar na recuperación, tanto do software, coma do hardware utilizado hai oito anos, xa que os novos satélites utilizan outros equipos e cómpre volver a montar unha nova estación de comando. “Esperamos poder poñela en funcionamento para, non só recibir datos de forma pasiva, senón tamén para intentar comandar o satélite e recuperar o rexistro do satélite e mensaxes de erro que, eventualmente, puideran darnos una pista do que sucedeu xustamente antes de pararse a comunicación”, explica o coordinador da Agrupación Aeroespacial da UVigo, que lembra que Humsat-D foi deseñado dunha forma moi similar a Xatcobeo, cunha mestura de subsistemas con compoñentes comerciais estándar (COTS) e outros, como o computador desenvolvido polo INTA, que incluía elementos específicos para misións espaciais protexidos para a radiación.

“O que si axuda a ter unha vida útil máis longa é que Humsat-D se deseñou coidando ao máximo as baterías, que é o elemento máis crítico, xa que ten un número limitado de ciclos, que depende de canto se descargan en cada órbita. Lembremos que o satélite orbita aproximadamente 14 veces ao día e xa orbitou máis de 44.000 veces a Terra, e no noso caso, deseñouse para que descargara menos do 15%”, detalla Fernando Aguado, que advirte que en calquera momento podería volver a perderse o contacto con Humsat-D. En calquera caso, as simulacións apuntan a que aínda estará en órbita, funcionando ou non, durante 15 anos máis, cumprindo así coa normativa internacional que esixe que os satélites de órbita baixa re-entren na atmosfera e se destrúan en non máis de 25 anos despois de rematada a súa misión, evitando así que perdure o lixo espacial e permitindo o lanzamento de novos satélites.