DUVI

Diario da Universidade de Vigo

125 estudantes dos diferentes graos da EE Industrial participan nesta iniciativa

Saúde e mobilidade centran os traballos presentados no 17 Congreso de Traballos Colaborativos

Un dos proxectos, para detectar de infeccións en piercings, seleccionado no programa Incuvi

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 03/12/2021

Tras o parón obrigado pola pandemia, o Congreso de Traballos Colaborativos retomou a presencialidade para celebrar a súa décimo sétima edición, este venres no edificio Miralles. Esta iniciativa, que botou a andar en 2012, é unha aposta polo traballo en equipo e a multidisciplinariedade a través da realización dun proxecto colectivo, ideado, desenvolvido e defendido por grupos de estudantes procedentes de diferentes titulacións. Ao longo da xornada máis dun cento de estudantes dos diferentes graos da EE Industrial presentaron 19 traballos nos que tiveron especial protagonismo temáticas relacionadas coa saúde, a mobilidade e o control da capacidade dos locais tiveron especial relevancia.

Á fronte desta actividade, que se enmarca na materia Oficina Técnica e Proxectos, están os docentes José Antonio Alonso Rodríguez, Lucía Díaz Vilariño e José Luis González Cespón, que explican que esta proposta naceu para que o alumnado de diferentes titulacións colabore na elaboración dun proxecto empregando a metodoloxía Design Thinking. Segundo os coordinadores, este tipo de experiencias, nas que cooperan con estudantes doutros graos unindo coñecementos, sérvelles para visualizar como enfrontarse aos retos que se atoparán no seu futuro profesional. 

Con todo, por mor das restricións derivadas da pandemia, nesta edición participan unicamente estudantes dos diferentes graos da Escola de Enxeñaría Industrial, aínda que como remarca González Cespón, “esperamos para a próxima edición”, na que o congreso acadará a maioría de idade, “contar con titulacións de outros centros”, como viña sendo habitual. 

Este proxecto realízase no marco das actividades do Grupo de Innovación Educativa RED I+S, que se centra na investigación e a experimentación sobre procedementos educativos innovadores que impliquen unha mellora do rendemento académico do alumnado. 

A saúde e a mobilidade, principais protagonistas

Nesta décimo sétima edición participaron 125 alumnos e alumnas dos diferentes graos da Escola de Enxeñaría Industrial: 17 de Enxeñaría Biomédica, 19 de Enxeñaría Eléctrica, 50 de Enxeñaría de Organización e 39 de Enxeñaría en Tecnoloxías. Con todo, nesta ocasión o congreso dá a benvida a unha nova titulación, Enxeñaría Biomédica, “cun grupo de alumnos da primeira promoción que se incorporan a esta experiencia”. Os tres coordinadores do CTC, os profesores Jose Antonio Alonso Rodríguez, Lucía Díaz Vilariño e José Luis González Cespón, destacan que o estudantado participante demostrou “unha vez máis, a súa capacidade de inventiva e innovación coas solucións que propoñen, sendo algunhas delas de particular interese social” e agradecen “a súa implicación e capacidade de traballo, de modo especial debido ás circunstancias que vivimos, coas limitacións impostas pola pandemia”. 

Precisamente por estas limitacións, as presentacións dos traballos realizáronse en catro quendas ao longo da mañá para respectar a capacidade da sala. Os 19 proxectos colectivos presentados abordan múltiples temas, pero con destaca presenza de contidos relacionados coa saúde. Así catro traballos achegan propostas para o control da capacidade en espazos e locais e outros catro céntranse en problemas relacionados coas intervencións cirúrxicas. Tamén hai varios estudos centrados no eido da mobilidade, por exemplo no rural ou no horario nocturno, na xestión intelixente do aparcamento ou na accesibilidade do transporte urbano. Outros dos grupos apostaron por abordar temas que lles son próximos, como as necesidades da cafetaría e o comedor da sede cidade da EEI, solucións para a corrección de flickering nas luces LED, propostas para a inclusión da terceira idade nos procesos de dixitalización bancaria, unha App para artistas do graffiti ou unha proposta para  resolver a localización de persoas con enfermidades mentais ou neurodiverxentes. 

Un proxecto sobre detección de infeccións en piercings, seleccionado nos Incuvi

A listaxe de proxectos complétase cun traballo sobre a detección precoz de infeccións en piercings, que é, como explica González Cespón, unhas das ideas seleccionadas para a nova edición do programa Incuvi. Os seus impulsores explica que unha porcentaxe moi elevada da poboación que emprega piercings adoita padecer infeccións cutáneas, non necesariamente derivadas da falta de coidados ou limpeza, senón porque o propio corpo reacciona para defenderse destes dispositivos implantables por perforación. Ante esta situación, este equipo formado por catro estudantes dos graos de Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, Enxeñaría en Organización Industrial; Enxeñaría Eléctrica e Enxeñaría Biomédica apostaron por deseñar un sistema que axude á detección precoz destas infeccións provocadas tanto polos piercings como tamén por implantes cirúrxicos ou catéteres. Propoñen a elaboración dun recubrimento que cambie de cor cando o pH da pel diminúa a causa da acidificación que se produce nos primeiros estadios dunha infección deste tipo. Deste xeito, explican, calquera persoa “con ou sen coñecementos médicos pode tomar as medidas adecuadas para tratala”.