DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentará o seu novo libro 'Everest 1924. El enigma de Irvine y Mallory' 

Sebastián Álvaro abrirá o I Ciclo de montaña, medio ambiente e cambio climático, impulsado por Peña Trevinca e UVigo 

Do 22 ao 24 de marzo, incluirá proxección de documentais e coloquios con expertos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cine
  • Deportes
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 08/03/2022

A constatación, nos últimos anos, en glaciares, bosques e na montaña, en xeral, de que o ambiente está a cambiando, e que é urxente dalo a coñecer e axudar a outras institucións na sensibilización da sociedade, foi o xermolo da iniciativa do Club Peña de Trevinca de poñer en marcha o I Ciclo de montaña, medio ambiente e cambio climático, que se desenvolverá entre os días 22 ao 24 de marzo, ás 20.00 horas, no Auditorio do Concello de Vigo. “A idea xorde hai dous anos cos primeiros plantexamentos de crear una vogalía de medio ambiente no club, algo que tamén viñamos madurando desde os actos do 75 aniversario da nosa entidade en 2019”, lembra Carlos Garrido, presidente de Trevinca, que destaca que poder dar forma a esta idea coa Universidade de Vigo, a través da Área de Benestar, Saúde e Deporte e a OMA, grazas a un convenio de colaboración, “deunos forzas e fai máis atractivo poder chegar a un maior número de persoas, que mesmo xa traballan por estes obxectivos”.

Co apoio científico de Cristina Fernández, vogal de medio ambiente e investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da UVigo, Peña Trevinca deseñou o programa o I Ciclo de montaña, medio ambiente e cambio climático, no que a UVigo estará representada polos catedráticos Ricardo Beiras e Emilio Fernández, que intervirán nas  sesións do 23 e 24 de marzo. O ciclo arrancará o día 22 cunha sesión dedicada á montaña protagonizada polo xornalista e aventureiro Sebastián Álvaro, que logo dunha proxección de 45 minutos, presentará o seu último libro Everest 1924. El enigma de Irvine y Mallory. Álvaro, que durante 27 anos dirixiu o programa de TVE Al filo de lo imposible, “amosou moito interese por vir a presentar o seu último, e fascinante libro sobre a conquista do Everest en 1924 polos míticos exploradores e montañeiros británicos que como di nesta obra, ‘cambiaron os fusiles da Primeira Guerra Mundial polo piolet e enfrontaron a escalada da montaña máis alta da Terra”, explica Garrido, que será o encargado de presentar a Sebastián Álvaro.

Proxeccións e coloquios para achegarse ao medio e ao cambio climático

O ciclo continuará o mércores 23 de marzo cunha sesión dedicada ao medio, na que se proxectará o documental Océanos. O misterio do plástico desaparecido da produtora francesa Java films, que expón, cunha visión moi sintética e científica, os pasos que os microplásticos recorren pola cadea trófica nos mares. Finalizada a proxección, desenvolverase un debate co catedrático de Ecoloxía da UVigo, Ricardo Beiras, que desde o ano 2003 traballa con contaminantes mariños.

O día 24, rematará o ciclo, coa proxección do documental da Universidad de Zaragoza, Tras las huellas del pasado, no que os investigadores da institución académica fan unha viaxe a lagos illados, antigos bosques e glaciares remotos, perseguindo as evidencias que permiten inferir como foron as condicións climáticas pasadas. O catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal  Emilio Fernández será o invitado ao coloquio no que abordará os posibles escenarios aos que nos podemos enfrontar nos vindeiros anos. Cunha liña de investigación centrada no ámbito da oceanografía biolóxica e ecoloxía mariña e en particular  no estudo da composición, distribución do fitoplancto e da súa relación coa variabilidade física das capas superiores do océano a diversas escalas, Emilio Fernández foi o coordinador entre os anos 2009 e 2018 do Campus de Excelencia Internacional,Campus do Mar, da UVigo. 

“Grazas a Cristina Fernández  imos contar co magnífico apoio destes dous catedráticos, o que sen dúbida enriquece estes actos e pon en valor este primeiro ciclo de difusión medio ambiental”, destaca Carlos Garrido, que incide en que con esta iniciativa pretenden “sensibilizar ao público en xeral sobre algo tan transcendental para a vida como é o medio ambiente, sobre o que nos afecta a todos, mesmo aos que están por nacer”.