DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto de clausura do posgrao en Intervención e Atención a Persoas con Dependencia

A secretaria xeral de Benestar destaca a importancia da formación en dependencia

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 14/12/2007

A Facultade de Educación acolleu o acto de clausura do que é o seu primeiro posgrao, o Curso de Especialista Universitario en Intervención e Atención a Persoas con Dependencia, declarado de interese pola Consellería de Sanidade e impartido durante os meses de outubro e novembro. Os 22 alumnos, que previamente presentaran os proxectos de fin de estudos, recibiron os diplomas acreditativos da man da secretaria xeral do Benestar, María Jesús Lago Vilaboa, o decano da Facultade, Xosé Manuel Cid, os directores do curso, José María Failde e Miguel Ángel Vázquez así como da profesora María Dolores Dapía.

O futuro na atención aos dependentes

Na súa intervención, a secretaria xeral de Benestar, María Jesús Lago reiterou o apoio por parte da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar á Universidade de Vigo nunha formación pioneira, e felicitou á primeira promoción de especialistas no que, segundo dixo, “é un bo momento porque o mercado de traballo demanda profesionais no eido da atención ás persoas dependentes”. Reflexionou tamén acerca do revulsivo que supón a implantación da Lei de Dependencia e a complexidade da construción do Sistema Galego de Benestar entendéndoo como autonomía persoal e inclusión social. Engadiu tamén que “se está a traballar nunha lei de servizos sociais que os contemple como cuarto piar do benestar social despois das pensións, a educación e a sanidade pero non entendidos só como atención aos dependentes, senón implicando a outros colectivos”. Precisamente os servizos sociais son “a materia pendente dende sempre e xa é hora de desenvolvelos para que dean resposta ás necesidades da poboación partindo de que Galicia non é igual ao resto das Comunidades polas súas características de número de dependentes e dispersión social”.
O Sistema Galego de Benestar nace para paliar esa débeda histórica e dar cobertura ás máis de 91.000 persoas dependentes “dándolles cobertura a través dos Programas Individuais de Atención e esixindo o financiamento necesario para atallar as dificultades que supón cumprir cunha lei estatal tendo certas singularidades autonómicas”.
Anunciou tamén que a próxima semana será publicado o Catálogo de Prestacións no que se recollen os servizos previstos en canto a prazas residenciais, centros de atención diurna e nocturna, teleasistencia ou axuda no fogar.

A intervención do decano

Pola súa banda, Xosé Manuel Cid agradeceu a presenza da secretaria xeral, por segunda vez, neste curso e cualificou á Facultade da que é decano coma “a do benestar” polo esforzo realizado para abordar o amplo abano de temas sobre a mellora social e por “estar sempre abertos ás colaboracións con calquera entidade ou ONG neste ámbito, porque ese é o camiño para construír o coñecemento”. Cun sentimento contradictorio expresou a súa “tristeza pola aula que queda baleira pero sobre todo a satisfacción de ter finalizado con éxito o que é o noso primeiro posgrao, enmarcado no reto de redefinir as titulacións e os másters no EEES” e apuntou que o proceso “intentarémolo facer dende a perspectiva que nos une a todos que é a de servir a todos os colectivos para o que nos consta que temos o apoio das institucións”.