DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase de titulados universitarios de orixe galega, que cursan un mestrado en Galicia

O secretario xeral de Emigración reúnese cos bolseiros BEME do campus

No presente curso, 162 alumnos realizan un máster en Galicia ao abeiro deste programa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Pontevedra 11/05/2021

As Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), impulsadas pola Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia teñen como obxectivo impulsar o retorno a Galicia de titulados universitarios galegos residentes no exterior, a través dunha liña de axudas dirixida a que poidan ampliar os seus estudos cursando un mestrado nas universidades galegas. Este martes, o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, mantiveron unha xuntanza cos bolseiros e bolseiras BEME do campus pontevedrés, na que abordaron, entre outras cuestións, as problemáticas que viviron ao longo deste ano por mor da covid-19.

Durante este encontro, os estudantes trasladaron aos responsables do goberno autonómico as súas impresións sobre como a pandemia afectou á experiencia formativa e trasladáronlle tamén, segundo informou a Xunta, “a súa preocupación polo retraso en conseguir á homologación dos seus estudos universitarios, xa que o Estado está tardando unha media de dous anos en facelas efectivas”. Así mesmo, Rodríguez Miranda, que nas pasadas semanas reuniuse tamén cos bolseiros e bolseiras BEME dos campus de Ourense e Vigo, puido coñecer tamén as “historias persoais” das e os asistentes, que en moitos casos solicitaron esta bolsa para retornar a súa Galicia natal ou por ser esta a terra na que naceron seus país os avós, así como a súa vontade de continuar residindo na comunidade unha vez rematen  a súa etapa académica.

200 bolsas o vindeiro curso

No presente curso, son 162 os estudantes que se atopan realizando un máster nunha das tres universidades galegas ao abeiro deste programa, que convocou para o presente curso 150 bolsas, ás que se suman os matriculados do ano anterior que continúan desenvolvendo mestrados de 90 créditos. Co obxectivo de “paliar as dificultades causadas pola pandemia”, a convocatoria de bolsas para o curso 2021-2022 aumentará de 150 a 200, ás que a Xunta destinará 1,72 millóns de euros. Segundo informa o Goberno galego, estas bolsas, dirixidas a titulados e tituladas residentes no estranxeiro, teñen un importe de 7000 ou 7650 euros, segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou doutra parte do mundo, para un curso de 60 créditos ETCS, incrementándose esta contía ata un máximo de 11.475 euros no caso dos mestrados de 90 créditos.