DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada celebrada na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

O sector termal galego incide na importancia de protexer a riqueza de acuíferos para evitar a súa contaminación e a sobreexplotación da auga

A directora da EEME incidiu neste ámbito como opción de futuro para o estudantado da escola

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI 27/11/2019

O sector termal galego deuse cita este mércores no campus de Vigo nunha xornada para debater sobre o futuro sostible do termalismo organizada pola Asociación de Balnearios de Galicia. A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía foi a anfitrioa do evento, no que se reuniron profesionais vencellados ao sector dende diferentes ámbitos, como administración, universidades e  empresas, xunto con estudantes universitarios interesados na compoñente mineira das augas como opción de futuro.

Na inauguración da xornada participou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que foi recibido polo reitor da Universidade, Manuel Reigosa. Xunta a el, a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño; o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Juan de Dios; xunto á directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, Elena Alonso. Esta última incidiu en que “as augas minerais e termais son un recurso mineiro e, como tal, unha opción de futuro para os estudantes de Enxeñaría de Minas, como profesionais responsables da realización de traballos de exploración, investigación e explotación das augas. Se a isto lle sumamos a relevancia e peso que ten o sector das augas mineromedicinais de Galicia no contexto nacional, constitúe unha opción profesional moi atractiva”. 

A directora indicou que “as augas minerais e termais representan unha área de alto interese dentro dos ámbitos de especialización da Universidade de Vigo. E, neste sentido, a achega que podemos realizar desde a Universidade a este sector é relevante: desde a formación técnica dos futuros profesionais, as actividades de investigación de procesos e tecnoloxías específicas, a colaboración coas empresas, actividades de divulgación e formación, entre outras”.

Unha industria que dinamiza o rural

A xornada arrancou cunha mesa redonda sobre a importancia de protexer a auga como recurso mineiro co fin de poder garantir o seu futuro, na que interviñeron a científica do Instituto Geológico y Minero de España Mª del Mar Corral; o decano-delegado do Colegio Oficial de Ingenieros de Minas del Noroeste, Juan José Iglesias; a secretaria xeral da Asociación Nacional de Empresas de Aguas de Bebida Envasadas, Irene Zafra; o director-xerente de Caldaria Hoteles y Balnearios, Javier Soto e o director da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Diego López. 

O director-xerente de Caldaria, Javier Soto, salientou, en representación dos balnearios galegos, que “a auga é o elemento base da nosa actividade empresarial. Obtémola da natureza baixo unhas determinadas condicións de extracción, explotación e coidado medioambiental que garantan o mantemento da súa calidade”. É por iso polo que remarcou que a sostibilidade dos balnearios dependen da saúde dos acuíferos, “polo que a mellor maneira de protexelos é que haxa unha empresa explotándoos”, apuntando finalmente que os balnearios xeran na actualidade 1200 postos de traballo en Galicia.

Pola súa banda, a voceira de Anebae incidiu en que o sector das augas minerais tamén traballa pola protección do medio, coidando a contorna natural dos acuíferos e respectando o caudal óptimo de aproveitamento da auga, asegurando a sostibilidade do acuífero, acorde ao balance hídrico da zona e mantendo invariable a composición mineral da auga. Lembrou tamén Irene Zafra que o sector das augas minerais é unha industria cun marcado carácter rural, creado “riqueza en zonas sen tecido industrial xa que, polas súas características, as plantas envasadoras deben instalarse nos mesmos lugares de captación do acuífero, que adoitan coincidir con zonas rurais”. Deste xeito, o sector axuda a fixar poboación na España rural, dando emprego directo a 4500 persoas e indirecto a decenas de miles.