Reitor e vicerreitor de Titulacións presentaron hoxe en Zona Franca o plan de microcredenciais
Sectores produtivos, administracións e entidades sociais coñecen a proposta da UVigo para a recualificación da poboación adulta
A formación está destinada a traballadores de entre 25 a 64 anos
Representantes de empresas instaladas nos parques e polígonos da Zona Franca de Vigo coñeceron este martes o plan de desenvolvemento de microcredenciais universitarias da UVigo, que con financiamento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, permitirá desenvolver formacións de curta duración, demandadas pola sociedade e o mercado laboral, para axudar á recualificación profesional de traballadores e traballadoras de entre 25 e 64 anos.
Logo de reunirse con representantes das confederacións de empresarios de Pontevedra e Ourense; do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo; xerencias de hospitais, fundacións e asociacións, o reitor e o vicerreitor de Titulacións de Innovación Docente, Manuel Reigosa e Alfonso Lago e o director do Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo, Fernando Cerdeira, debullaron hoxe ante representantes empresariais da comarca de Vigo cuestións como que é unha microcredencial, como se financian, cales son os requisitos das actuacións financiables, que gastos son elixibles e cales non e cal é o procedemento de solicitude, prazos, resolución e xustificación das actuacións. “Intentaremos chegar ao maior número posible de colectivos e administracións públicas que estean interesadas na recualificación do seu persoal”, explica Alfonso Lago, que incide en que este tipo de formación está restrinxida á poboación entre 25 e 64 anos, “e deberá enfocarse de forma explícita a resultados de aprendizaxe específicos”.
Pola súa banda, David Regades, delegado especial do Estado na Zona Franca de Vigo, enxalzou o liderado en innovación da institución académica viguesa, nestes últimos anos postcovid, e destacou de maneira especial "que en todos os grandes proxectos do Consorcio temos a universidade como socio institucional como no caso da futura planta de condutores semifotónicos. Regades amosou, así mesmo, o seu convencemento en que este programa de microcredenciais “vai desenvolver unha oferta conxunta, aliñada coas necesidades da nosa economía, da nosa empresa, e que, ademais, sexa compatible e accesible para todas as persoas interesadas”.
Temáticas de todos os ámbitos de coñecemento
Os contidos das microcredencias basearanse nunha prospección das necesidades de recualificación da poboación adulta, así como dos sectores produtivos, administracións públicas e entidades sociais, un marco moi amplo co que cubrir todas as accións formativas que lle corresponden á UVigo, que impartirá 26 accións e emitirá 1548 microcredenciais. En canto ás tematicas “están abertas a todos os ámbitos de coñecemento, porque o obxectivo final é a recualificación dos e das traballadoras, que unha vez que rematen con avaliación positiva cada microcredencial, obterán unha certificación dixital que se incorporará ao seu cartafol de Europass, válido para toda a Unión Europea”, detalla o vicerreitor de Titulacións e Innovación Educativa.
O 25% do alumnado terá bolsas, de xeito que a matrícula pode ser gratuíta, ou ter un custo inferior, un prezo que estará subvencionado nun 70% e será como máximo de 94 euros por crédito ECTS. Así, o custo para o alumnado sería duns 24,5 euros por crédito, “aínda que poden recibir unha bolsa de acordo con criterios de necesidade económica e social ou a través doutras subvencións compatibles con este plan”, explica Lago.
Por outra banda, as universidades comprométense a que unha parte da oferta se orientará a colectivos de persoas vulnerables socialmente e necesidades formativas específicas, en colaboración con entidades sociais ou con administracións competentes en materia de acción social e, ou migracións.
26 accións formativas e preto de 1550 microcredenciais
Despois da sinatura a principios deste mes dun convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e as tres universidades públicas galegas para o desenvolvemento e execución das microcredenciais, á UVigo, tendo en conta a distribución realizada entre as tres institucións, lle corresponde impartir 26 accións formativas diferentes e a emisión de 1548 microcredenciais.
“Unha vez asinado o convenio, publicarase unha convocatoria para recibir as propostas que serán consideradas pola Comisión de Estudos do Centro de Posgrao e Formación Permanente para a súa impartición ata, aproximadamente, abril ou maio de 2026”, explica Alfonso Lago. As microcredencias serán impartidas por un equipo docente que poderá estar formado por profesorado da UVigo, así como externo, especialista na materia e profesionais do sector que poidan achegar experiencia na emisión das microcredencias. "Agora ben, a dirección académica debe recaer nun membro do colectivo de profesorado da Universidade de Vigo", conclúe o vicerreitor.